A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas preguntou hoxe ao conselleiro de Industria que medidas tomou o Goberno galego para reducir a discriminación laboral das mulleres galegas, despois da celebración do 8 de marzo de 2018.
“Non imite a Raxoi e actúe contra a discriminación das mulleres galegas” afirmou a deputada, sobre todo, no ámbito económico-laboral que impide a independencia económica, “imprescindible”, para “o empoderamento e desenvolvemento dunha vida autónoma”.
O pasado 8 de marzo, explicou a nacionalista , tivo lugar unha mobilización sen precedentes protagonizada por mulleres esixindo cambios reais e as mulleres galegas reclamamos “medidas urxentes para unha vida máis xusta”. Pasadas as multitudinarias manifestacións en Galiza, vostedes dixeron que “tomarían nota” e hoxe queremos saber, que fixeron aínda que nos da a impresión de que adoptaron o estilo Raxoi “no nos metamos en eso”.
As nacionalistas, inquiriu Presas “si queremos meternos niso” porque nin o goberno galego nin o central fan os deberes nunha cuestión clave, “a fenda salarial e as discriminacións na empresa privada”. A radiografía desta realidade, dixo, “é desoladora” e explicou que nos ámbitos de servizos ás empresas, persoais e de lecer, as traballadoras supoñen máis do 50%. No ano 2017 a fenda salarial situábase no 29,2% e 27,7% respectivamente.
Segundo a Axencia Tributaria, a fenda salarial pasa do 22,4% ao 27% ao que hai que sumar as consecuencias da crise económica e o empeoramento das condicións laborais que afondaron na desigualdade afectando de maneira especial ás mulleres. Con este escenario, que teñen feito despois do 8 de marzo?, volveu preguntar.
Na súa intervención, a deputada denunciou que o Goberno galego non tomou ningunha medida contra a discriminación económica no ámbito laboral: “ non modificaron a Lei para sancionar ás empresas, non reforzaron a inspección, e non formularon ningunha proposta”, afirmou.
Trala resposta do conselleiro de Industria, Noa Presas insistiu na ausencia de medidas contra a discriminación e acusou ao Partido popular de “falta de vontade” para acometer políticas efectivas e instrumentos para unha inspección real da Lei de Igualdade, cláusulas na contratación pública que primen o papel da igualdade no concurso, sobre criterios económicos e non para “o desempate como adoitan facer” así como cláusulas para a restrición inmediata do contrato no caso de se detectar un só caso de discriminación económica.