Unha delegación do BNG visita hoxe diversos concellos da provincia de Ourense, gravemente afectados polos incendios. A delegación representada polos deputados e deputadas das catro provincias, Noa Presas, Olalla Rodil, Xosé Luís Rivas e Luís Bará visitaran ao longo do día os concellos de Baños de Molgas, A Mezquita e Viana do Bolo onde manterán diversos encontros cos gobernos municipais co fin de avaliar a xestión da recente vaga de lumes nestas localidades e abordarán un paquete de propostas de actuación cara o futuro.
FEIJÓO DEBE DISCULPARSE COS ALCALDES DO BNG
Ante os medios de comunicación, a parlamentaria por Ourense, Noa Presas manifestou que o Presidente da Xunta “débelle unha desculpa aos alcaldes do BNG” tras afirmar que foron cómplices da vaga de lumes. No caso concreto do concello de Baños de Molgas dixo, “o noso alcalde leva máis dun ano agardando ser recibido por Feijóo” para falar, entre outras cuestións, da motobomba que precisa esta localidade.
Ademais, lembrou que a día de hoxe, ninguén da administración pública mostrou interese por avaliar os danos do concello, sobre todo no monte máis afectado de pastoreo e cun importante patrimonio arqueolóxico que conserva “numerosos petróglifos e mámoas” e que forma parte dunha ruta planificada para a súa divulgación e posta en valor da zona.
O BNG PIDE UNHA LIÑA DE AXUDAS DIRECTAS PARA A GANDEIRÍA
A deputada reclamou abrir unha liña de “axudas directas para a gandaría” destinada ás zonas da Gudiña, A Mezquita e Viana do Bolo afectadas polos incendios que, recalcou, “incidiron negativamente nunha situación xa marcada por moitos meses de chuvia e seca”. Esta circunstancia extrema, explicou, provoca que moitos gandeiros e gandeiras vendan ou sacrifiquen aos animais pola falta de forraxe e non poder asumir a súa compra en Castela ante o importante incremento dos prezos.
Presas reiterou que a visita da delegación nacionalista ás alcaldías do BNG, circunscríbese na necesidade de avaliar as consecuencias dos danos producidos pola vaga de lume e a mellora da xestión a curto e longo prazo.