A través dunha pregunta da deputada do BNG, Olalla Rodil ao goberno, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo trasladou o compromiso ao BNG de iniciar novas conversas coas editoras galegas para garantir a presenza de Galiza nas Feiras Internacionais do Libro, trala anulación do procedemento de contratación dos actos previsto pola Consellería de Cultura nas Feiras do ano 2018 en Bolonia , Barcelona, Frankfurt e Guadalajara (México).
Na súa intervención, Rodil criticou que Cultura responsabilice á Asociación Galega de Editoras de “crecente desinterese” para xustificar a resolución de renuncia. Poñer algo así por escrito nun documento oficial, con carimbo da Xunta de Galiza e a Consellaría de Educación e Cultura, afirmou, “é unha mostra da soberbia”.
Neste sentido, a deputada explicou que “desinterese” para a Consellería de Educación e Cultura, é en realidade unha opinión diferente a respecto do modelo de xestión do stand de Galiza nas feiras internacionais, unha opinión expresada con absoluta lealdade por parte do sector e máis concretamente das editoras no noso país. Rodil lembrou que AGE abrangue o 90% das editoriais galegas.
O que vostedes chaman desinterese, reiterou a nacionalista, foi unha proposta moi clara e moi concreta das editoras galegas, encamiñada a procurar fórmulas de colaboración que permitisen combinar os intereses institucionais e os profesionais porque, as feiras internacionais do libro non son un espazo para que vostedes “se pavonen”, criticou, senón lugares para a internacionalización do sector do libro, das autoras e autores galegos, apertura de novos mercados, proxección exterior da lingua e cultura galegas, e da identidade nacional de Galiza, da que o libro é unha peza fundamental , como recolle a propia Lei de 2007, que vostedes “derrogaron de facto”.
En vez de procurar vías de colaboración, explorar outros formatos e modelos de xestión que se axusten máis e mellor ás necesidades do sector, recriminou a nacionalista, vostedes decidiron unilateralmente rachar con todo e continúan botando “terra en riba da Lei do libro e da lectura de Galiza”.
Por outra parte, Rodil lembrou quue desde que goberna o Partido popular, o recorte que levan practicado até hoxe, é dos maiores que se teñen producido en calquera área do goberno, só comparable, “co recortado en normalización lingüística”.
Nós últimos oito anos, recalcou, “o PP recortou o 83% dos fondos destinados á edición en galego, e máis do 50% para o apoio a promoción do libro”. Para a deputada, a política de recortes da Xunta en cultura “é un golpe máis, e xa van moitos”.
Rodil concluíu a súa intervención afirmando que a resposta do secretario xeral de Cultura non representa “un cambio radical da xestión cultural do PP” polo que avanzou que o BNG seguirá de preto que respecten os dereitos do sector do libro, se cumpra a Lei, nesta materia, e que o compromiso amosado hoxe por Lorenzo na comisión de Cultura supoña un avance e mellora para o sector.