Cos pobos do Estado francés: non á contrarreforma laboral!

franceO Bloque Nacionalista Galego manifesta a sua plena solidariedade cos pobos do Estado Francés e coas súas clases populares no contexto das mobilizacións desenvolvidas contra a nova lei do traballo presentada pola ministra Myriam El Khomri en nome do goberno Valls.

O BNG saúda a masiva e contundente resposta do movemento sindical, das organizacións políticas, sociais, xuvenís e populares que expresan un profundo malestar con este novo retroceso en dereitos laborais e salariais. A lei El Khomri derroga tacitamente a lei das 35 horas semanais, emblema da lexislación laboral francesa, e incorpora unha serie de medidas regresivas moi semellantes ás que xa están en vigor no Estado español, ao facilitar e ampliar os despedimentos por razóns económicas, rebaixar as indemnizacións máximas e priorizar os acordos nas empresas por riba dos sectoriais.

O proxecto de lei do goberno francés enmárcase nun longo proceso de profundas reformas regresivas no mundo do traballo, que atinxe aos países do centro mundial, e que ten como obxectivo reestruturar as relacións sociais de produción en beneficio do grande capital. Esta dinámica -compartida no substancial por todos os gobernos europeos, independentemente da súa adscrición ao campo conservador, liberal ou ao espazo "socialista"- amplía e prolonga o modelo neoliberal que xa ten máis de dúas décadas de percorrido, e aínda ameaza con intensificarse con medidas como os acordos CETA e TTIP. Simultaneamente, os mesmos Estados que amparan, promoven e legalizan as directrices do grande capital desertan das súas funcións sociais, ignorando as urxentes necesidades de servizos públicos, de saúde, vivenda, educación ou alimentación.

Galiza sente como propia todas as inxustizas que padecen os distintos pobos enfrontados ás regresivas políticas impulsadas na Unión Europea. Tamén o noso pobo padece medidas semellantes ás desta lei, que tiveron consecuencias palpábeis no xigantesco crecemento do desemprego e na redución da súa cobertura, na diminución de salarios e no deterioro da protección social. As distintas reformas laborais impulsadas desde Madrid -por gobernos do PSOE e do PP- non só facilitaron e abarataron o despedimento, senón que aumentaron o poder da patronal fronte os traballadores na negociación colectiva, deteriorando enomemente o mercado do traballo e aumentando a precariedade e a temporalidade. Ademais, as malchamadas "políticas de austeridade" impulsadas pola UE no seu conxunto e polos Estados membros non fixeron máis que afondar na crise, reforzar a banca, favorecer os grandes grupos económicos e financeiros en todos os aspectos, debilitar os sectores públicos e disparar a débeda pública. Todas estas medidas, que profundizan os peores trazos do sistema, víronse ademais agravadas pola ausencia de soberanía e a dependencia económica no noso país.

Para o BNG é fundamental que os diferentes pobos loitemos para evitar o retroceso en dereitos laborais, a diminución en salarios reais e maiores incrementos do desemprego. Mais tamén debemos avanzar á ofensiva, para gañar a nosa soberanía real e desenvolver procesos de transformación social que garantan unha vida digna para os nosos pobos e en última instancia para toda a humanidade. É imprescindíbel superar a Unión Europea ao servizo do capital e cos seus deseños económicos impostos. Os intereses do capital transnacional están en oposición directa cos dos pobos, e teremos que defendelos por medio da mobilización e organización popular.

Viva a loita dos pobos de Europa!

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG