O Consello Nacional propón unha candidatura con relevo xeracional e a afortalemento organizativo

IMG_2613
Reunión do Consello Nacional
  • Luz verde ás teses políticas, principios organizativos e informe de xestión que serán sometidos a debate na XVI Asemblea Nacional 

O Consello Nacional aprobou os textos das teses políticas, principios organizativos, regulamento e informe de xestión que serán sometidos a debate e votación final por parte da militancia na XVI Asemblea Nacional, que se celebra o 25 e 26 de marzo na Coruña baixo o lema En Bloque cara a un tempo novo.

O máximo órgano de decisión entre asembleas tamén aprobou (sen ningún voto en contra e con seis abstencións) unha proposta de candidatura de nova dirección en base aos 137 nomes remitidos pola militancia desde as comarcas, conformando unha lista de 50 persoas na que as 19 primeiras integrarían a futura executiva nacional. Esta candidatura é a proposta que a dirección saínte presenta ante a Asemblea Nacional, -en cumprimento do regulamento-, aínda que o prazo de presentación para outras candidaturas está aberto até o luns 20 ás 19.00h.

A proposta de candidatura encabezada por Ana Pontón reforza a súa Executiva Nacional coa incorporación de novas persoas como Ana Miranda, Xavier Campos, Olalla Rodil, Luís Bará, Eva Vilaverde e Susana Camba. 

Así mesmo, consolida unha importante renovación xeracional coa propia Pontón á cabeza: Eva Vilaverde, Xavier Campos, Olalla Rodil, Noa Presas, Olaia Ledo, Xosé Manuel Marcote, Xosé Emilio Vicente ou Rubén Cela representan unha nova xeración por debaixo dos corenta anos que se complementa co experiencia de persoas como Xosé Luis Rivas “Mini”, Goretti Sanmartin, Carme da Silva, Néstor Rego, Ana Miranda, Obdulia Diniz, Bieito Lobeira, Montse Prado, Luís Bará e Susana Camba.

A candidatura tamén conta cunha porcentaxe moi elevada de mulleres e de responsábeis municipais, xa que os gobernos locais son o escaparate da capacidade do Bloque para gobernar cun proxecto de país a favor da maioría social.

Tras un intenso debate iniciado hai un ano co lanzamento do Proceso Adiante e no que teñen participado máis de 2.000 persoas entre militantes e simpatizantes, as teses políticas pasaron por un amplo debate na totalidade de comarcas do país e chegan á XV AN con consenso moi amplo das bases, sen que se tivesen formulado emendas a totalidade nin ningún voto particular aos textos.

Estratexia Galiza Avanza 2017-2020

Dentro das teses políticas, destaca a proposta da Estratexia Galiza Avanza 2017-2020, a elaborar tras a asemblea que fixará a folla de ruta para lograr o avance político, social e institucional do BNG. O obxectivo é abordar de xeito integral as necesidades e os desafíos de Galiza, actualizando as ferramentas coas que o Bloque ten actuado ao longo dos anos  no campo político, como social e cultural. 

A pretensión é ir máis aló do espazo dun partido político para favorecer a creación dun espazo de activismo político e social, un “anel nacionalista” que sexa un espazo de coordinación e de iniciativas comúns das organizacións políticas,  sociais e culturais do nacionalismo. 

Coa vista posta nos comicios locais de 2019, -e tendo en conta que a seguinte asemblea nacional será en tres anos-, a Estratexia Galiza Avanza tamén incluirá un plan de traballo específico para as sete grandes cidades.

Asemblea de portas abertas

A unha semana da  gran cita coa militancia, o BNG xa rexistrou a inscrición de 2.100 militantes e 300 simpatizantes para asistir ao que quere ser “unha asemblea de portas abertas” na que podan participar todas as persoas, -con ou sen carné do Bloque-, que confían nas posibilidades de Galiza e consideran máis necesario que nunca un proxecto político de país sen dependencias.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG