Ana Pontón

As comisións de investigación teñen que servir para garantir a sanidade pública e seguridade nos espazos públicos

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón pide iniciar  os traballos das comisións  canto antes, que  se celebren de “maneira  paralela” e  comparezan Feixóo, López Veiga, Abel Caballero,  e  colectivos de profesionais dos PACs

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou hoxe que o BNG confía en que as comisións de investigación de Sanidade e Marisquiño sexan “útiles” e sirvan  para blindar o dereito á saúde e esclarecer as responsabilidades no sinistro do Festival do Marisquiño.“Queremos empezar a traballar canto antes  e propoñemos que ambas comisións comecen a funcionar ao mesmo tempo”, dixo.

COMISIÓN DE SANIDADE

No caso da comisión de investigación da sanidade pública, Pontón explicou que a urxencia está na alarma social xerada polos recortes e  casos tan graves como o falecemento no PAC da Estrada ou os que afectaron ás persoas de hepatite C. Queremos investigar que pasa na sanidade pública par que na  Galiza de 2018 “poda morrer unha persoa  nun servizo de urxencia por falta de médico”, teñamos persoas sen  acceso a medicamentos que salvan vidas e  graves consecuencias dunha política de recortes e privatizacións do Partido popular.

Temos a obriga de  “darlle a volta a esta situación, garantir o dereito a saúde  e blindar  un sistema sanitario público de calidade”.

O BNG NON PERMITIRÁ NINGÚN INTENTO DE  BOICOT ÁS COMISIÓNS

Pontón asegurou que o BNG non permitirá ningún intento do Partido popular para ralentizar os traballos da comisión  e lembroulle a Feixóo que “non  é unha falacia a alarma social creada polo deterioro da sanidade pública, tampouco son  unha falacia as denuncias de todos e todas as profesionais da sanidade dos últimos anos e non é unha falacia que os recortes matan”, como traxicamente comprobamos no PAC da Estrada ou cos doentes de hepatite C. Nada diso é unha falacia e “o  obxectivo da comisión de investigación da sanidade non é lavarlle a cara á Xunta, é  conseguir que Galiza conte cun sistema sanitario público que realmente garanta a vida das persoas”.

A portavoz  nacionalista anunciou que o BNG solicitará a comparecencia de Feixóo, o conselleiro de Sanidade, os xerentes das Áreas galegas e concretamente  a da Área sanitaria de Compostela como responsable da contratación do segundo médico no PAC da Estrada.

A Comisión  de sanidade, reiterou Pontón,  debe ser o foro da voz da cidadanía e profesionais  afectados polos recortes e o lugar para pedir “explicacións á Xunta e aos responsables da sanidade pública” por iso para nós resulta necesario que entre as primeiras comparecencias figure a da familia do falecido no PAC do concello da Estrada e os afectados e afectadas por hepatite C que non recibiron tratamento.

Pero tamén, engadiu, é necesaria a presenza na Comisión das asociacións de doentes, sindicatos e colectivos de traballadores que levan anos denunciando o grave impacto polos recortes.

COMISIÓN MARISQUIÑO

Dende o BNG queremos que a comisión de investigación do Marisquiño  traballe con “axilidade” e dende o ámbito político queremos que comparezan, Feixóo e Rueda Presidente e Vicepresidente da Xunta,  Lopez Veiga presidente da Autoridade Portuaria e  Abel Caballero como alcalde de Vigo, a  propia organización do evento e unha persoa representante das vítimas.

Ademais, avanzou algunhas das iniciativas que serán defendidas polo BNG   no vindeiro pleno  entre as que destacou: unha lei para apoiar ás familias monoparentais, co 70% integradas por mulleres que precisan de protección específica polo aumento da taxas de risco de exclusión social.

O BNG proporá un fronte común no Parlamento, a través dunha iniciativa, contra a estafa das peaxes na AP-9 e a revisión  dos  convenios que blindan esta suba,  así como o incremento dos prezos  dos combustibles nun país cos salarios máis baixos.

Finalmente, Pontón tamén avanzou que o BNG pedirá a Feixóo que “dea a cara” e responda sobre o prezo da luz e a gasolina máis cara do Estado a pesar de ser Galiza produtora de enerxía e contar cunha refinería na Coruña. Formularemos unha batería de propostas para frear esta estafa, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG