O BNG pon en marcha a campaña de actos conmemorativos do Día da Patria por todo o país, e tamén na emigración, como preámbulo do gran acto central da manifestación nacional do 25 de xullo que convoca en Santiago baixo o lema Galiza viva. Soberanía e traballo.
Queremos implicar a todas as persoas e a todos os colectivos que sintan este país, a todos os que acrediten en Galiza como nación que acudan a unha manifestación que sempre foi plural e reivindicativa, salientou a responsable de Organización, Goretti Sanmartín, que fixo un chamamento a todas as persoas, a todos os colectivos sociais e políticos que están a traballar porque acreditan neste país a que acudan coas súas faixas e reclamacións para celebrar que Galiza é unha nación viva e actuante no mundo.
A intensa campaña desenvolverase con encontros, festas, concertos, actos, e xantares ata o Día da Patria, coa intención de reivindicar que Galiza sexa tratada como nación e teña soberanía para decidir sobre si mesma, xunto coa idea de orgullo deste país dinámico, vivo e cheo de potencialidades no que os galegos e galegas queren vivir con dignidade, explicou Sanmartín.
En nome da dirección do Bloque, a responsable de Organización reiterou o convite á manifestación a todas as persoas que sintan este país, que acrediten que Galiza é unha nación e ven fundamental conseguir a soberanía para mellorar a vida da xente do país. Facemos un chamamento a todas as forzas políticas que teñan o seu centro de decisión no país e se sintan nacionalistas, recalcou Sanmartín.
O lema elixido, Galiza viva, soberanía e traballo, quere salientar que somos un país con recursos, dinámico, con futuro. Neste sentido, o Bloque anima á cidadanía a pendurar bandeiras galegas en lugares visibles, como elemento de orgullo.
Convidades de arredor de 28 países asistirán ao Día da Patria en Compostela para celebrar esa Galiza viva, que permita traballar na terra e reivindicar a soberanía para poder transformar esta sociedade. A todos e todas que comparten este sentimento, enchamos a Praza da Quintana o 25 de xullo, subliñou Sanmartín, nun momento especialmente decisivo para que a reivindicación nacional saia a rúa e pete nas conciencias para loitar contra o que representa o PP.