Senado

Carme da Silva valora positivamente a inadmisión do macroproxecto eólico Xubrintas e Alamoceiros

Carme da Silva
Carme da Silva

A senadora do BNG lembra que este tema foi obxecto dunha das súas preguntas en sesión de control á Vicepresidenta Terceira

Ribera prometeu a Carme da Silva que o Goberno non consentiría intentos de fragmentación de proxectos eólicos na Galiza e, de seren presentados, os inadmitiría

A frente nacionalista pon en valor a presión social e política exercida para rexeitar este macroproxecto eólico polo grave impacto socioeconómico e ambiental

O Bloque Nacionalista Galego vén de coñecer a resolución da non admisión, por parte da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, dos dous proxectos que se pretendían instalar nos concellos de pontevedreses da Estrada, Cercedo-Cotobade e Campo Lameiro. A senadora do BNG, Carme da Silva, quen realizara unha pregunta á Ministra sobre o tema, valora positivamente esta resolución por parte do MITECO e sinala que se as empresas queren seguir adiante co proxecto, terán que ir coa tramitación ordinaria, tal e como a frente nacionalista ten dito. Da Silva lembra a postura do BNG a respecto da implantación da eólica no país: recuperando as exixencias ambientais, planificando a política enerxética frente aos caos e espolio actual e un modelo que reverta en beneficio da sociedade galega.

Despois de que Ribera se comprometera co BNG a que os proxectos eólicos de Xubrintas e Alamoceiros se terían que someter á tramitación ambiental ordinaria, vense de publicar a inadmisión destes dous proxectos -macroproxecto para o BNG porque se asentaba no mesmo territorio- por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. “Se as empresas queren seguir adiante coa tramitación, deberán facelo a través da tramitación ordinaria xa que, entre outras cuestións, a liña de evacuación supera máis de 40 quilómetros” destaca a senadora do BNG.

En opinión de Carme da Silva, a fragmentación de megaproxectos como o de Xubrintas e Alamoceiros “está a ser unha práctica habitual para as empresas que pretenden instalar parques eólicos na Galiza” para superar os requisitos estabelecidos. Neste sentido, recorda que durante a sesión de control a Ministra prometeu que o “Goberno non consentirá intentos de fragmentación” de proxectos eólicos na Galiza mais a organización nacionalista adianta que estará atenta de posíbeis novas fragmentacións.

Por outra parte, da Silva pon en valor a presión política e social realizada ante este proxecto que suporía un grave impacto social, económico e ambiental. “A Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, Asociación de Veciños de Sabucedo, Alarma na Terra de Montes, Colectivo do Vento e O Eido do Cervo: son algúns dos colectivos que se opuxeron ao macroproxecto” enumera Carme da Silva.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG