Carme da Silva pide en Vila de Cruces reunir no BNG todo o voto “dos que lle queren a Galiza”

Acto Vila de Cruces
Acto Vila de Cruces

A cabeza de lista pide “cambiar o guión” e votar ao Bloque porque é a única forza que defenderá o país fronte ás forzas estatais que toman decisións dende Madrid

Subliña a urxencia dunha axenda propia da comarca do Deza-Tabeirós no Estado: gratuidade da AP-53, seguranza viaria na N-640 e N-525, e unha tarifa eléctrica galega, entre outras “necesidades vitais”

“É preciso reunir no BNG todo o voto dos que lle queren a Galiza”. Así o indicou hoxe en Vila de Cruces a cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego, Carme da Silva, quen subliñou a importancia de que o país recupere a voz propia para que os seus problemas aparezan de novo na axenda do Estado fronte “ao esquecemento ao que nos relegaron as forzas estatais, que só reclaman cousas para Galiza cando non gobernan en Madrid”.

Da Silva indicou que é preciso que galegas e galegos “pelexemos polo noso” como fan vascos, cataláns, canarias, valencianas, e incluso cántabros. Lembrou PP e PSOE demostraron actuar con igual faltade respecto a Galiza mentres gobernaron, engadindo ademais que as forzas chamadas do cambio, neste caso Podemos, pactou cos socialistas os peores orzamentos do Estado para o país en vinte anos.

A cabeza de lista subliñou que neste 10N debe decidirse se Galiza está presente no debate ou non o está. “Precisamos cambiar o guión e decidir por nós, non deixar que nos digan que podemos ou non podemos facer, que é o mellor para a nosa terra, porque non hai ninguén que o saiba mellor ca nós”, asegurou.



Sobre as problemáticas do Deza-Tabeirós, Da Silva destacou que é preciso poñer na axenda do Estado “necesidades vitais” como a transferencia e a gratuidade da AP-53, unha das autoestradas máis caras do Estado “que máis que comunicar, incomunica”; a mellora da seguranza viaria das N-640 e N-525, “inzadas de tráfico” e con características que as fan perigosas tanto para as persoas como para os coches; ou a necesidade dunha tarifa eléctrica propia que permita que o sector gandeiro poida producir e ser competitivo sen estar penalizado.

Lembrou, así mesmo, a alternancia do PP e do PSOE na súa discriminación a Galiza, xa que ambos partidos só reclaman as necesidades galegas cando non están a gobernar en Madrid. Neste sentido lembrou o caso de Ana Pastor, que formando parte do Goberno do Estado non fixo nada en materia de infraestruturas para a comarca, pero dende hai un ano reclama melloras porque na Moncloa está Sánchez. “Agora xa sabemos o que lle importaba esta provincia: fixo méritos e xa vai como segunda na candidatura por Madrid”, ironizou.

Da Silva dirixiuse a todas as persoas desilusionadas e enfadadas coa situación política estatal e afirmou “que cabrearse está ben, pero hai que reaccionar e cambiar as cousas: é preciso facer algo novo, votar ao BNG porque é a única forza que realmente ten a Galiza na cabeza e no corazón”.

Facendo seu o lema “Desta vai!” amosouse convencida de que o Bloque conseguirá representación no Congreso o 10N, posto que se nas eleccións pasadas faltou un puñado de votos e dende aquela cada vez xorden máis apoios cara a forza nacionalista. “É preciso adoptar decisións que teñen que ver con todo o que precisa a sociedade, pero facéndoo desde a realidade galega e non dende a visión de Madrid, e a xente dáse de conta de que iso só o pode facer o BNG”, finalizou.



Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG