A moi poucos días da cita das urnas do 10N a cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, pediu hoxe nunha visita á lonxa do Grove que todo o voto dos que lle queren ao país se sume no BNG para que Galiza exista no mapa da política estatal. “Temos que dar carpetazo a todo o pasotismo e discriminación dunhas forzas estatais que xa vimos todos estes meses que foron inútiles á hora de defender os intereses das galegas e galegos”, dixo.
Da Silva asegurou que o compromiso do Bloque Nacionalista Galego con todos os galegos e galegas “é ser capaces de defender os nosos intereses, de facernos valer, de darlle peso político a Galiza e que iso signifique oportunidades de futuro”. Explicou que o voto ao BNG “é un voto co que gaña Galiza, porque gañamos en peso, gañamos en voz, gañamos en posibilidades de poñer solución aos nosos problemas”.
A cabeza de lista destacou que é preciso que galegas e galegos “pelexemos polo noso” como fan vascos, cataláns, canarias, valencianas, e incluso cántabros nun momento histórico de debate territorial no que o país se xoga “ser ou non ser”. “Precisamos cambiar o guión e decidir por nós, non deixar que nos digan que podemos ou non podemos facer, que é o mellor para a nosa terra, porque non hai ninguén que o saiba mellor ca nós”, asegurou.
A nacionalista fíxose eco da corrente de simpatía que está a sumar apoios no BNG tanto a nivel de figuras públicas referentes como de toda a cidadanía. Destacou que despois das eleccións do 28 de abril foi moita a xente “á que lle quedou pena” de que Galiza non tivera representación por poucos votos, por iso pediu a esas persoas que fagan o esforzo de analizar o que aconteceu nos últimos seis meses, “co comportamento frívolo dos partidos madrileños, e dean unha oportunidade a Galiza da man do BNG”.
Aproveitando a súa visita á lonxa do Grove, Da Silva puxo da pesca como un dos exemplos nos que é preciso mudar as políticas estatais e europeas que están a frear as potencialidades do sector pesqueiro galego. Lembrou que a día de hoxe moitos barcos están en porto por decisións tomadas dende Madrid, onde a pesca non é un sector estratéxico de país. “Para nós a pesca si é un sector estratéxico e así o defenderemos. Pelexaremos por ter status de nación pesqueira, altamente dependente da pesca, e así poder negociar directamente as decisións que nos atinxen e demostrar que somos unha gran potencia se nos deixan decidir”, subliñou.