A cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva amosouse hoxe convencida de que o BNG vai ser “o dique que impedirá a Vox e C’s entrar en Galiza” e “a voz do país no Congreso”. Así o manifestou hoxe en Pontevedra na súa mensaxe de final de campaña, facendo un chamamento aos indecisos, á xente moza e ás persoas decepcionadas polas últimas lexislaturas para non perder un só apoio e concentrar no BNG os votos en “clave de país”.
Da Silva destacou a intensidade do traballo realizado de cara o 28A e a forza recibida por parte da xente nos actos, na rúa e nas redes sociais, polo que aventurouse a afirmar que o BNG vai rebentar as enquisas e ser a gran sorpresa o vindeiro domingo. Lembrou que todos os inquéritos sitúan ao Bloque como a forza política que pode gañar o escano en disputa pola provincia de Pontevedra polo que insistiu na necesidade de sumar os apoios de todos os que lle queren a Galiza.
“Hai que facer unha reflexión e pensar se queremos que Galiza conte, se queremos que teña voz en Madrid, e tamén onde queremos deixar esa dereita que di que as mulleres violadas non poden elixir se siguen adiante cun embarazo ou non, esa dereita que pensa que as mulleres temos que estar atadas á pata da mesa. Nós estamos en condicións de parar esa dereita aquí e agora”, afirmou.
A candidata salientou tamén a importancia de que os temas que precisa Galiza estean na axenda do Estado defendidas por unha voz propia e sen ataduras. Neste sentido criticou a Ana Pastor, quen “sen ruborizarse” di agora na campaña e ao longo de todo o país que está indignada porque non se lle transfire a AP-9 a Galiza. “Cando menos é curioso que o diga, porque tívoo na súa man en Madrid como ministra de Fomento e como presidenta da mesa do Congreso. Nós estamos convencidos de que a AP-9 debe ser galega, pública e sen peaxes e sempre o defendemos así”, subliñou.
Pola súa banda, o coordinador comarcal de campaña, Demetrio Gómez Xunqueira destacou hoxe tamén o seu agradecemento a todos os militantes, simpatizantes e axentes electorais que permitiron levar porta a porta a mensaxe do BNG. “Esta campaña que remata foi intensa, alegre e emocionante, cunha participación nos actos moi por riba das expectativas”, subliñou.
Xornada de reflexión
Carme da Silva pasará a xornada de reflexión descansando, gozando das actividades programadas na cidade de Pontevedra e pasando tempo coa súa familia. Pola mañá participará nos concertos do ‘Galegote Rock’ e despois asistirá ás probas de elite feminina dos Mundiais de Triatlón. O domingo votará acompañada entre outros polo alcalde Fernández Lores ás dez da mañá no local social do Gorgullón.