“A volta do Bloque Nacionalista Galego ao Congreso dos deputados servirá para retomar proxectos básicos para o Concello de Pontevedra e superar os atrasos e paralizacións das lexislaturas dos gobernos do PP e do PSOE”. Así o indicou hoxe a cabeza de lista do BNG ao Congreso, Carme da Silva, durante un reparto electoral na cidade do Lérez no que fixo balanzo da “ristra de incumprimentos” sufridos nos últimos anos en materia de infraestruturas.
A nacionalista lembrou en concreto os atrasos e paralizacións da A57, o “eterno nó de Bombeiros”, ou a ausencia de fondos para a realización do paseo a Marín, que ao seu entender “deixan claro que é imprescindible que haxa presenza do BNG en Madrid”, xa que eses proxectos foran impulsados polo BNG e quedaron no caixón cando deixou de haber representación. “Pontevedra é a única capital de provincia que non ten unha circunvalación. PP e PSOE atrásana anos e anos, polo que parece que para os partidos estatais Pontevedra non debe ter circunvalación e debe seguir no furgón de cola con esa e outras moitas máis iniciativas”, dixo.
A candidata destacou que a experiencia de Pontevedra demostra “ben ás claras” a importancia de ter voz en Madrid, xa que un deputado do Bloque resultou máis útil e práctico para Pontevedra que 23 de forzas políticas estatais. Segundo dixo, “Pontevedra non sería a mesma e non tería avanzado tanto sen o traballo dos nosos deputados e deputadas”, facendo unha listaxe das achegas realizadas.
Da Silva subliñou que a eliminación dos vertidos urbanos á ría non se podería ter feito sen a presión do BNG, xa que Fomento non deixaba pasar as tubaxes e as outras forzas políticas “nin a facían nin a deixaban facer”. Subliñou tamén o desdobramento da avenida de Vigo, que despois de máis de vinte anos ás voltas saíu para adiante converténdose na rúa Josefina Arruti, sendo agora un modelo a seguir para outras actuacións en estradas urbanas por parte do Ministerio de Fomento.
“Sen o traballo do BNG en Madrid tampouco estaría feita a mellora da avenida da estación, nin a mellora da avenida de Vigo, nin se tería feito a remodelación do Nó do Pino, nin a mellora da estrada de Vigo por Salcedo, nin da estrada de Ourense por Mourente. O paseo da avenida de Marín ata Mollavao tampouco existiría, nin estarían feitas as cubertas das vías do tren en Xoaquín Costa, na Seca ou Médico Ballina, nin o paso para a nova estrada a Monte Porreiro...”, enumerou a candidata, instando á veciñanza a non deixarse enganar e a votar BNG “se queren que Pontevedra avance e a traten como merece”.
Da Silva destacou que “hai moitísima xente que nos fai ver que desta vai e que desta vez o BNG recupera a presenza no Congreso dos Deputados” pola ilusión coa que se achega na rúa, nos actos e nas redes sociais. Insistiu en que o voto ao Bloque vale dobre posto que serve para que Pontevedra teña voz e para que Galiza sexa determinante, pero tamén vale para parar á dereita carca e reaccionaria. “O BNG está pelexando os seus escanos en Pontevedra con Vox e Ciudadanos e estou certa que o BNG vai ser quen, coa forza e co efecto BNG que cada día nos fai chegar a xente, de parar a esa dereita carca e de facer que Galiza volva ter voz”, finalizou.