Campaña 26X: Suprimir mailing para aforrar 50M€ e debates entre líderes das forzas políticas galegas

Ana Pontón, portavoz nacional BNG

O BNG entende que é posible aforrar cartos públicos na campaña electoral do 26X sen recortar en democracia, simplemente con que as forzas políticas estatais acepten suprimir o envío masivo de papeletas ás casas, máis coñecido como mailing.

Ana Pontón, portavoz nacional BNG

“É unha medida que nos permite aforrar 50 millóns de euros e, ao mesmo tempo, ganar en democracia”, subliñou a portavoz nacional, Ana Pontón, “un aforro real e inmediato de cartos públicos que só require que as forzas políticas estatais deixen de marear e pasen aos feitos”. Neste sentido, lembrou que o Bloque predica co exemplo e xa aplicou esta medida nos últimos procesos electorais dos comicios europeos, municipais e estatais. “Manteremos o mesmo criterio o 26X”, indicou.

Pontón tamén anunciou que o BNG vai solicitar debates nos medios de comunicación públicos entre @s dirixentes políticos de todas as forzas que concorren ás eleccións xerais na circunscrición de Galiza.

“Queremos saber se ao señor Feijóo lle aburren e lle cansan os debates, como a rajoy, ou se está disposto a dar a cara”, indicou a portavoz nacional, quen confía en que a CRTVG “xogue o papel” que lle corresponde como medio público, “e favoreza estes debates cun formato e un horario de máxima audiencia”. A cidadanía “ten dereito a ver debater na televisión aos máximos responsables políticos, escoitar e valorar os proxectos de cada partido e decidir desde a liberdade e desde a información”.

En relación á duración da campaña electoral, o BNG considera rechamante “que os que estiveron catro meses perdendo o tempo en roldas de prensa e facendo o paripé , agora teñan presa para reducir a duración da campaña. Será para que non podamos recordarlles o seu fracaso”, criticou Pontón.

A dirixente nacionalista indicou que, unha vez máis, o Bloque vai facer unha campaña austera sen pedir nin un só euro de financiamento á banca, de novo co esforzo e co traballo da militancia e dos e das simpatizantes. “Unha fortaleza da que estamos moi orgullosos e da que presumimos”, subliñou. Pontón reiterou que Galiza “pode converter o fracaso das autodenominadas forzas do cambio nunha oportunidade, e volver recuperar voz propia en Madrid. A iso quere contribuír o BNG o 26X”.

Pontecesures

En relación á moción de censura instigada polo PP en Pontecesures, Pontón responsabiliza ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, de ser o autor desa “cacicada”, atropelando os intereses da veciñanza.

“Esta cacicada é a carta de presentación de Rueda na provincia tras ser nomeado presidente dos populares en Pontevedra”, para substituír unha alcaldesa “honrada e cun proxecto a favor do municipio”, -a nacionalista Cecilia Tarela-, por un goberno do PP a favor dunha minoría. “O BNG vai seguir loitando a favor do concello de Pontecesures”, asegurou.

Alternativa nacionalista

Pontón evitou valorar as divisións e discrepancias internas que recollen os medios de comunicación en relación a En Marea, que atribuíu as dificultades de casar intereses cando as alianzas son con forzas políticas que teñen o seu centro de decisión en Madrid.

“No BNG temos moi claro que é moi difícil que os intereses das forzas políticas de ámbito estatal coincidan cos intereses das forzas que defendemos unha alternativa nacionalista de futuro para este país, que poña por diante dar solucións á situación de emerxencia na que vivimos. En iso traballamos no Bloque”, explicou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG