O BNG vai facer todo o posible para frear o actual bum eólico depredador a favor do lobby eléctrico, e mudar cara un modelo eólico deseñado a favor do País, no que os beneficios repercutan nas familias e nas empresas e non se queden nas mans das eléctricas. Nesa liña, a formación nacionalista anunciou hoxe dúas medidas concretas: a presentación dunha denuncia ante a Comisión Europea por vulneración de normativa comunitaria deste bum especulativo e a ampliación da rede natura do 12% actual até o 20% do territorio.
“O BNG non está disposto a permitir que se trate a Galiza como unha colonia subministradora de materias primas para que se forren ás multinacionais eléctricas, nin a permitir un bum depredador co medio rural, co medio ambiente e co territorio, un modelo que, ademais, incumpre a normativa da Unión Europea en materia de biodiversidade e de conservación de hábitats”, alegou a portavoz nacional, Ana Pontón, de aí a denuncia ante o Executivo da UE.
“O que queremos é un modelo eólico que poña os recursos naturais ao servizo das familias e das empresas”, recalcou, tras indicar que xa hai máis de 4.000 aeroxeradores en 106 concellos que levan décadas soportando o custe ambiental sen ver beneficios, pois perden poboación, emprego, servizos e calidade de vida. “Apenas un 5% do beneficio queda nos concellos e menos do 2% da riqueza recae nos propietarios das terras”, denunciou.
“Si rotundo ao desenvolvemento eólico, pero non así”, alegou Pontón. E nesa dirección, o BNG considera urxente ampliar a rede natura do “minúsculo” 12% actual até o 20%, “e excluír da zona de ampliación a posibilidade de instalar novos parques eólicos”, tendo en conta que o Goberno bipartito deixou definida unha ampliación que Feixóo mantén conxelada desde que chegou á Presidencia.
“Hai que cambiar este modelo de portas xiratorias PP-PSOE no que o lobby eléctrico manda máis cos gobernos”, alegou Pontón, tras indicar que están en tramitación 130 proxectos de parques eólicos para encher Galiza de aeroxeneradores de 200 metros de altura, mesmo ameazando explotacións agrogandeiras e núcleos de poboación. “Barra libre para ás eléctricas sen que os galegos e as galegas teñamos contrapartidas, ao contrario, cada vez pagamos máis pola factura da luz e miles de emprego están en xogo polos custes enerxéticos”.
O BNG aposta por un modelo con participación pública nos beneficios da riqueza eólica, no que os parques eólicos se vinculen a proxectos industriais que xeren emprego, e medidas como a tarifa eléctrica galega que abarate a factura da luz. “Para todo isto só fai falta vontade política”, concluíu.
Pola súa parte, a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, explicou que o motivo da denuncia é dobre: “por un lado porque vulnera até seis normativas comunitarias en materia de participación cidadá, impacto ambiental, paisaxe, directiva da auga ou conservación de hábitats naturais. E, por outro, porque defendemos un modelo de desenvolvemento eólico a favor de Galiza”.
“Hai moitos parques en tramitación que teñen unha afectación directa sobre hábitats, flora e fauna, cun número moi elevado de proxectos que pretenden instalarse en zonas de especial protección, e tamén hai unha moi elevada afectación no relativo á normativa da auga e a zonas que deberían ter declaración de humidais protexidos”, alegou.
Miranda subliñou que a expansión eólica ten un amplo historial de “falta de planificación e regulación” que, a día de hoxe, foi substituído por unha normativa do Goberno do PP, “que permite expropiacións deixando indefensos aos propietarios e propietarias dos terreos, permite a fragmentación artificial dos proxectos para facilitar a súa tramitación e deixa fora aos concellos a través da figura da supra municipalidade deixando fora da toma de decisión a administración máis próxima á comunidade que deberá soportar o impacto”.
“Estamos ante un marco normativo que nós deixa vendidos”, sintetizou, ao que se suma a vulneración de directivas europeas, de aí a decisión de presentar a denuncia en Bruxelas.