BNG urxe sancionar ás eléctricas que inflaron até 30% a factura da luz

Néstor Rego
Néstor Rego

 

Néstor Rego considera intolerábel este tipo de prácticas e reclama ao Ministerio de Consumo que dea a coñecer publicamente a identidade das empresas

A organización frentista demanda facilitar mecanismos para que as persoas consumidoras poidan reclamar de maneira áxil e sinxela

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado, e en especial o Ministerio de Consumo, castigue as prácticas fraudulentas na factura da luz de varias compañías eléctricas que inflaron até 30% o recibo das persoas consumidoras. Rego reclama ao Ministerio que publique a lista de empresas que realizaron esa suba ilícita para que a cidadanía poida reclamar a devolución das cantidades cobradas indebidamente e que facilite mecanismos para reclamar de maneira áxil e fácil.

A Comisión Nacional do Mercado e a Competencia detectou que varias empresas comercializadoras de electricidade aproveitaron a entrada en vigor das novas tarifas para incrementar, de maneira fraudulenta, o recibo da luz aos consumidores. Porén, a CNMC non comunicou que compañías foron as que inflaron os prezos e limítase a darlles un prazo para rectificar.

A formación nacionalista exixe que se dean a coñecer publicamente o nome de todas as compañías que realizaron este tipo de prácticas e considera intolerábel que o Ministerio de Consumo “só ameazase con dar a coñecer a identidade das empresas só no caso de que continuasen con estas políticas”. Para o deputado nacionalista, se existe unha infracción ou práctica fraudulenta “detectada e constatada”, así como o deber de información aos consumidores e consumidoras, exixe “que se faga pública a listaxe de compañías que aproveitaron estas circunstancia do cambio de tarifas para facer negocio”.

“Coñecer a identidade das empresas permitiría que as persoas consumidoras poidan revisar con máis atención as súas facturas e reclamar, de ser preciso, o diñeiro cobrado de máis de maneira inxusta e abusiva” reclama Néstor Rego. Por este motivo, continúa o deputado, o Ministerio de Consumo debe adoptar todas as medidas precisas para facilitar toda a información ao conxunto da cidadanía “e se abran xa as dilixencias de sanción polas súas prácticas no incremento dos prezos” que a CNMC calcula foi de até 30%.

Por outra banda, Rego tamén exixe que o Goberno do Estado facilite mecanismos para que as persoas consumidoras, poidan reclamar de maneira áxil e fácil as cantidades que as empresas cobraron indebidamente.

"O Goberno debe actuar de forma contundente ante este intento de enriquecimento abusivo e subrepticio, aproveitándose ademais dun momento especialmente delicado pola entrada en vigor das novas tarifas e polos prezos históricos que está a rexistrar agora a enerxía eléctrica".

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG