parlamento galego

BNG urxe medidas contra as deficiencias nas infraestrutura dos centros educativos de Ponteareas e as comarcas do Condado-Paradanta-Louriña

Cristina Fernández
Cristina Fernández
Cristina Fernández lamentou que o PP votara en contra da proposta para resolver os problemas nos centros construídos, na súa maior parte, na metade do  século pasado e con graves carencias

A deputada do BNG, Cristina Fernández lamentou que o Partido popular non apoiara a proposta nacionalista para resolver as deficiencias nas instalacións dos centros educativos de Ponteareas e a súa comarca.

Fernández xustificou a reclamación lembrando que a Xefatura territorial de Educación en Pontevedra e  propia consellería de educación, coñecen a  situación  e que no 90% dos casos, os centros foron construídos na metade do século pasado, e mesmo algúns foron  doados por emigrantes para permitir  o acceso á educación de nenos e nenas do rural.

“Os edificios carecen dos elementos máis elementais de illamentos nos solos, paredes, carpinterías exteriores, cubertas e precisan reformas nos interiores”, recalcou.

En concreto, explicou que  hai moitas escolas unitarias das parroquias nas que “entra auga a través dos tellados cada vez que chove, e  aínda que puntualmente  as pequenas reparacións son asumidas polos concellos, o problema pode solucionarse  “cun cambio completo das cubertas para eliminar as filtracións e humidades”.

Son escolas unitarias integradas en Cras (centros rurais agrupados) como o cra A Picaraña de Ponteareas (con 6 unitarias e unha sede/biblioteca), cra As Landras de Salceda de Caselas ou o cra a Lagoa en Salvaterra de Miño, ademáis das unitarias de Taboexa e Rubiós. Na súa opinión, todos os centros mencionados “deben pasar por pasar unha ITV técnica para constatar as  obras necesarias de eficiencia enerxética e actualización das instalacións no interior”.

Cristina Fernández tamén se referiu os servizos dos que carecen outros centros entre  os que saliento dous en  Ponteareas sen   ximnasio e aula de psicomotricidade (o Ceip Feliciano Barrera de Guláns e o Ceip de Santiago de Oliveira), ambos situados no rural.

Centros, insistiu a deputada  que carecen das instalacións axeitadas para poder ofertar comedor escolar, un dos servizos máis demandados polas familias para a conciliación e que equilibraría o reparto do alumnado nos centros para que as ratios non sexan excesivas nalgúns deles e haxa que pechar aulas noutros.

 En Mondariz balneario,  dixo, atopamos a mesma  situación no Ceip Nosa Sra. de Lourdes, un centro sen instalacións para ximnasio, pero comparado cos anteriores, este colexio dende a pandemia sanitaria medrou en alumnado, de 23 nenas e nenos aos 57 no presente curso escolar e cunha demanda importante de comedor escolar, pero “sen instalacións para poder implementar este servizo”.

A deputada do BNG reclamou a Educación que asuma as súas competencias  e realice  as obras máis urxentes e necesarias para que impartir docencia e asistir a aula non sexa unha misión imposible nas escolas unitarias do rural nas comarcas do Condado-Paradanta.

Pola súa parte, a portavoz do Partido popular, María Felisa Rodríguez anunciou o voto en contra por considerar que   xa  se están acometendo as obras necesarias ao que a deputada do BNG  respondeu cunha primeira crítica á portavoz popular por non respectar o topónimo Ponteareas e criticou que a actual alcaldesa deixou sen atender durante todo o verán “o mantemento de todos os centros educativos” a pesar de ser a súa competencia.

Para a nacionalista, o único que planificou o PP “foron recortes” e aproveitou todas as ocasións para pechar aulas e centros educativos, e tamén  desviaron fondos públicos para manter aulas concertadas en centros privados.

Cristina Fernández asegurou que o PP non inviste nos concellos que non son da súa cor política e nos últimos 8 anos, en Ponteareas só foron cambiadas dúas cubertas en dous centros educativos, a pesar de ter pedido a súa reforma integral dende o ano 2009.

A nacionalista rematou a súa intervención preguntando que criterios utiliza o PP para priorizar os centros que precisan arranxos nunha vila con máis de 4.000 menores e volveu a lamentar que o PP non  teña en conta  a urxencia á hora de acometer as obras necesarias para resolver os graves problemas das infraestruturas.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG