O parlamentario do BNG, Luís Bará preguntou ao goberno cando ten previsto “incoar o informe” para protexer os bens do Pazo de Meirás, despois de sete meses de inacción sobre este asunto.
Tras a intervención da directora Xeral de Patrimonio que eludiu dar unha data sobre a presentación do expediente, o nacionalista afeou a “desafección da Xunta” e acusou ao Partido popular de manter unha posición “extremista e reaccionaria” neste asunto.
A Xunta agasallou con 44.200 euros á familia Franco
Bará lembrou que xa no ano 2007, Feixóo mostrou a súa oposición a Declaración BIC do Pazo de Meirás argumentando que “non era un pazo, eran unhas torres ás que non lle vía interese”. O nacionalista denunciou que dende o ano 2007 ao 2017 o PP “liquidou” todas as políticas de memoria histórica mentres agasallaban con “44.200 euros á familia Franco”. Ao tempo que eliminaban o proxecto “Nomes e voces”, dixo, dábanlle fondos aos Franco para abrir o Pazo ao público, a pesar de que estaban obrigados a facelo.
O deputado lembrou que non se pode confundir “ propiedade e protección” pero neste caso, puntualizou están moi relacionadas. Para o nacionalista resulta un despropósito que a estas alturas continuamos reclamando por vía xudicial bens que foron roubados, “manda truco”, e volveu a preguntar se a Xunta comparte o criterio do concello de Sada a respecto da reclamación de todos os bens porque todo indica que non é así. Vostedes, dixo, sumáronse ao expedinte de execución da Avogacía do Estado e agora, “a ultima hora e por carta”, remiten un informe pericial que non inclúen os 49 novos bens así como un gran número que quedarían fóra da reclamación do Estado. “Non é certo que o Estado sexa o único acreditado para facer esa reclamación porque xa o concello de Sada tomou esta iniciativa e foi admitida a trámite o que lle vai permitir formar parte do acto do día 22 de outubro”, asegurou.
A respecto da Declaración BIC lembrou que no ano 2008 os técnicos entraron no Pazo de Meirás “co tempo taxado” e tras un proceso xudicial iniciado pola familia Franco para opoñerse a esta declaración, ao que sumou ás grandes dificultades que tiveron que salvar para elaborar o inventario. “Fíxose o que deixo facer a xustiza que naquel momento tamén estaba protexendo os intereses da familia do ditador” e de aí que quedara “incompleto o inventario”, remarcou.
O nacionalista replicou á directora xeral de Patrimonio que a pesar de existir un grupo de traballo coordinado co Goberno central, a Xunta actúa “coa dilixencia do caracol” porque despois de sete meses continuamos na mesma posición polo que volveu a reclamar a “incoación urxente da tramitación preventiva” para garantir “a unidade e integridade” de todos os bens asociados ao lugar histórico.
O deputado concluíu a súa intervención reclamando á Xunta a “urxente incoación do correspondente expediente” para a inclusión no BIC de todos os bens mobles que pola súa vinculación co sitio histórico deben formar “unha unidade” e non poden ser desprazados sen a correspondente autorización.
Bará lamentou, que unha vez máis, a Xunta non se pronuncie de maneira tallante e continúe amparándose nun grupo de traballo co goberno do Estado para seguir estudando e dilatando posibles vías de defensa da natureza pública, protección e integridade dos bens citados pero sen tomar “ningunha decisión ao respecto”.