A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participou na conferencia UE - Mercosur: A soberanía agrícola da UE en perigo”, organizada en Bruxelas polo grupo Verdes-ALE, e á que tamén asistiron a deputada e o deputado no Parlamento Galego, Sonia Vidal e Secundino Fernández. “Diante da preocupación que existe sobre o impacto que pode ter o acordo da UE co Mercosur no sector agrogandeiro galego, constatamos que hai voces europeas que están en contra do acordo, ás que nós nos sumamos”, subliña Miranda.
A deputada Sonia Vidal explica que unha das preocupacións máis graves deste acordo refírese ao “impacto na agricultura familiar”, maioritaria en Galiza, así como o impacto que pode ter no prezo das súas producións. Neste sentido salienta a importancia de constatar que outros países teñen esta mesma problemática, “visibilizándoa e dándoa a coñecer”, xa que segundo apuntou “os consumidores non sempre teñen esta realidade presente do que pode representar o impacto do acordo co Mercosur na súa comida diaria”.
Secundino Fernández, pola súa banda, salienta que nesta conferencia se constata que este acordo presenta “un problema triplo: para o consumidor, porque non ten garantía dos produtos que vai consumir; para os produtores, porque se produce unha competencia desleal e, en terceiro lugar, un problema medioambiental”. Ao respecto o deputado nacionalista, sinala que en Galiza, as producións de carne, apicultura e avicultura van ser moi prexudicadas porque vai entrar unha gran cantidade de producións do Mercosur que van levar consigo a baixada de prezos, “co cal os nosos produtores, especialmente os pequenos “.
Consecuencias sen avaliar
A participación nesta conferencia enmárcase nas xornadas de traballo organizadas polo BNG no Parlamento Europeo, que tamén inclúen un encontro coa coordinadora europea da Vía Campesina así como cos expertos en Agricultura do Grupo Verdes - ALE, nos que ademais de falar das consecuencias do acordo entre a UE eo Mercosur (que integra a Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai) tamén se tratará a aplicación da nova PAC.
Precisamente nesta liña de traballo, Ana Miranda xa trasladou aos comisarios de Agricultura e de Comercio, Christophe Hansen e Maroš Šefčovič respectivamente, a preocupación polas consecuencias do acordo da UE co Mercosur no sector agrogandeiro galego, que ao seu xuízo non están suficientemente avaliadas, así como a desaparición das pequenas explotacións.