O BNG suma e medra. O actual alcalde de Vilar de Santos encabezará a lista do BNG nas vindeiras municipais

Acto Vilar de Santos
Acto Vilar de Santos

Ana Pontón destaca o “gran labor” de Antonio Míguez como alcalde e anticipa unha candidatura que combinará experiencia e renovación a favor da veciñanza

“Galiza precisa máis BNG nos concellos para avanzar, tamén na provincia de Ourense”, destaca a portavoz nacional en relación ás eleccións locais

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo unha intensa xornada en Ourense que empezou no concello de Maceda e pechou en Vilar de Santos onde mantivo sendos encontros co empresariado local e coa asociación de mulleres rurais, A Racada, e concluíu coa presentación do candidato á Alcaldía, Antonio Míguez, o actual rexedor nunha corporación.

“É para min un orgullo ver a un BNG forte, unido e cohesionado, a casa común de todas as persoas que pensamos que Galiza merece un proxecto político que teña a cabeza e o corazón neste País. En Vilar de Santos, o BNG é a casa común de todas as persoas que queren traballar para que este concello siga avanzando e prosperando, sumando todas as sensibilidades, combinando experiencia e renovación. Mixturando veteranía e solvencia, coas ideas novas e o empuxe que trae consigo a xente moza”, explicou a líder do Bloque no acto de presentación de Miguez.

Pontón expresou o seu convencemento de que o BNG seguirá tendo “a máxima confianza e o máximo apoio” da veciñanza de Vilar de Santos nas próximas eleccións municipais. Nese sentido felicitou ao alcalde, Antonio Míguez, “que está facendo un excelente labor liderando o goberno local, despois de coller o relevo de Xan Jardón, que deixou o listón moi, moi alto como xa fixera antes o tamén alcalde Antonio Jardón”, indicou.

A todos eles agradeceu o traballo e o compromiso “por confiar nas propias forzas para conseguir un concello mellor, unha Galiza mellor”, e indicou que o BNG sigue tendo como “obxectivo irrenunciable” seguir traballando para mellorar a vida da veciñanza deste concello”. Ese será o reto para as eleccións municipais 2023, “seguir cun goberno municipal que xestiona con eficacia cada euro, que sabe escoitar e dialogar, que transforma en positivo mellorando a vida da xente e que camiña man a man cos veciños e veciñas”, argumentou.

Visita Vilar de Santos
Visita Vilar de Santos

Pontón destacou que o BNG local conformará a mellor das candidaturas, que será interxeracional, capaz de aportar experiencia e sabia nova “co obxectivo de que Vilar de Santos siga avanzando e progresando”.

A portavoz nacional destacou que Galiza non se entende sen o medio rural, o 90% do territorio deste País é rural e sen un rural vivo Galiza non ten futuro. “Por iso é tan necesario exemplos de rural vivo, con dinamismo, como o que representa Vilar de Santos. E iso non é por casualidade, é porque este concello ten un goberno local cun proxecto claro que lle permite avanzar, para que as novas xeracións queiran desenvolver aquí os seus proxectos de vida”. Por iso, alegou, “Galiza precisa máis BNG nos concellos, tamén aquí na provincia de Ourense, para avanzar”.

Destacou a “iniciativa e o empuxe” que demostra este concello, cun parque empresarial xerando riqueza e emprego, cun Museo da Limia que aposta pola dinamización cultural en toda a comarca, e que promove un desenvolvemento sustentable no que conviva a actividade económica co respecto aos valores ambientais e ao patrimonio natural.

Igualmente, destacou, a aposta do Goberno local por una política social dos coidados, da igualdade, feminista, un concello, ademais, “orgullo da súa identidade limiana, da nosa lingua e da nosa cultura”.

Un concello exemplo de rural vivo

“Ese é o camiño polo que o BNG quere seguir camiñando, pelexando e traballando para ter un Vilar de Santos vivo e dinámico, solidario. Sei que o gobernar un concello é complexo porque é a administración máis cercana, porque hai que resolver o día a día, da respostas áxiles e eficaces á veciñanza pero, ao mesmo tempo, hai que ter visión de conxunto e un proxecto de futuro para o municipio”, concluíu.

Tamén fixo referencia a cuestións que é necesario abordar desde a máxima colaboración entre as distintas administracións que afectan tanto a Vilar de Santos como ao conxunto da comarca, asuntos como a depuración das augas, a xestión dos residuos ou como avanzar cara unha produción agroganderia cada vez máis sustentable.

“Non facer nada é irresponsable, e así é como actúa o Goberno do PP na Xunta, desde a irresponsabilidade de quen se lava as mans ante os problemas sen aportar solucións”, criticou. “Por iso Galiza precisa abrir un tempo novo da man do BNG, por iso precisamos cada vez máis BNG nos concellos, precisamos máis Vilar de Santos, máis Allariz, máis Baños de Molgas, máis Vilar de Barrio, por poñer algúns exemplos porque non pode citalos a todos”.

“Os galegos e as galegas déronnos a responsabilidade de ser a alternativa ao PP. E imos a por todas, sen poñernos límites, disputándolle a hexemonía ao Partido Popular en cada concello, en cada vila, en cada cidade. E estou convencida de que o BNG será a forza política que máis suba nas eleccións municipais de maio”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG