parlamento galego

BNG rexeita a valoración do goberno español na que afirma que non existen limitacións para o ensino do galego en Galiza

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas critica que un goberno de esquerdas e progresista avale positivamente a realidade da lingua galega, a pesar do  “crítico” informe do Consello de Europa

A portavoz en materia de Lingua do BNG, Mercedes Queixas critica que o goberno español, conformado por forzas de esquerda e progresistas afirme que “non existen limitacións para o ensino do galego en Galiza” en resposta ao ultimo informe do Consello de Europa, “moi critico” coa realidade da lingua galega no ensino. O goberno español, remarca Queixas,  vai máis alá e asegura que os datos obtidos son moi positivos na consecución de todas as  competencias  baseando esta afirmación  na existencia de múltiples estudos científicos e diferentes avaliacións. A este respecto, a nacionalista pregunta a que estudos e avaliacións se refire o estado para xustificar a súa resposta cando a Xunta incumpriu “de maneira sistemática” o propio Decreto do plurilingüísmo que a obriga a realizar anualmente unha  avaliación da implantación do Decreto  dende o ano 2010. Avaliación que o BNG ten demandado en múltiples ocasións e “seguiremos a demandar”.

Para a deputada, a avaliación do goberno español, dista moito da “realidade obxectivable en Galiza” a respecto da “forte regresión do galego no ensino e na súa aprendizaxe”. Unha lingua minorizada como o galego, “prohibida en varias materias do ensino”, explica a nacionalista evidencia a “limitación da  exposición do alumnado ao galego  e a súa capacidade de aprendizaxe”.

Mercedes Queixas anuncia que  o BNG rexistrará diversas iniciativas no Congreso dos deputados para preguntar ao goberno español que estudos e avaliacións utilizou para afirmar que en Galiza non existen “limitacións” para o ensino en galego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG