Parlamento Galego

BNG rexeita o traslado a Madrid do fondo documental do Arquivo Militar de Ferrol e pide á Xunta que medie co Estado

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas subliña a súa importancia na investigación da represión franquista no País e advirte que o traslado iría en contra da Lei da Memoria

A deputada do BNG Mercedes Queixas vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento para solicitar á Xunta que medie ante o Goberno do Estado co obxectivo de impedir o traslado a Madrid do fondo documental do Arquivo Militar de Ferrol.

“Sería un novo episodio da historia centralizadora que Galiza vén sufrindo desde hai séculos”, advirte a deputada, quen lembra que neste arquivo atópanse documentos especialmente relevantes para as asociacións e persoas que investigan a represión durante os anos do Franquismo tanto de Galiza como doutros lugares do noroeste da Península. “Pretender centralizar en Madrid unha das pezas máis importantes para a historia de Galiza e a súa memoria histórica mesmo estaría contravindo a Lei de Memoria Histórica ao dificultar, cando non impedir, o dereito ao acceso aos arquivos públicos”, advirte.

Mercedes Queixas subliña, neste sentido, o enorme fondo documental do Arquivo Militar de Ferrol, especialmente no que ten que ver coa época do levantamento militar, guerra e posterior ditadura, pois conserva documentos procedentes de hospitais, gobernos militares, así como as causas e procedementos da xustiza militar, todos documentos que avalan a súa importancia para a investigación da represión franquista. 

A deputada nacionalista argumenta ademais que o Arquivo Militar alberga causas e procedementos xudiciais do Tribunal Militar IV que son fundamentais para a investigación e análise dos movementos sociais, obreiros e políticos en Galiza, dende o século XIX ata os anos 60, tal e como vén de facer público a Iniciativa Galega pola Memoria, rede na que se integran a maioría das asociacións, fundacións e colectivos memorialistas do País.

Fronte a descentralización que proxecta o Goberno do Estado, o Bloque defende “todo o contrario”. É dicir, que os fondos documentais correspondentes a causas e feitos relacionados con Galiza “deberían ser devoltos a centros galegos para a súa custodia e posta en valor, podendo deixar constancia documental de copias dixitalizadas para estaren dispoñibles nun único fondo central para facilitar o acceso”, explica a deputada na iniciativa rexistrada no Parlamento.

A descentralización que defende o BNG, conclúe Queixas, debería aplicarse tanto aos materiais relacionados coa memoria histórica como ao resto de fondos e elementos históricos e artísticos agora depositados en centros do Estado en Madrid e que deberían ser devoltos aos seus lugares de orixe.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG