O BNG recrimina o veto do PP á comparecencia no Parlamento de Feixóo, ao que afea que siga sen dar a cara logo do auto do TSXG

foto Luís Bará - auto TSXG pasaporte Covid
Luís Bará

 

Luís Bará critica a negativa para que o presidente da Xunta explique na Cámara a vulneración de dereitos fundamentais coa esixencia do certificado COVID na hostalería, unha “aberración xurídica” que obriga a “destitucións ou dimisións”

Avoga por situar no centro do debate “reformas estruturais, non de placebo” ante a grave situación do sistema sanitario á que o PP segue sen dar solucións

O BNG recriminou na comisión permanente do Parlamento galego o veto do PP á comparecencia do presidente da Xunta nun pleno extraordinario para dar explicacións pola xestión sanitaria da pandemia, logo do auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que deixaba sen efecto a esixencia do certificado COVID para acceder a establecementos de hostalería.

“Está claro que ao PP moléstalle o debate e que o señor Feixóo vai seguir sen dar a cara e escondéndose ante uns feitos tan graves como os que constatan con contundencia os autos do TSXG e tamén ante unha situación sanitaria que segue sendo grave con graves problemas no sistema sanitario público”, concluíu o deputado nacionalista Luís Bará ante a negativa do PP a esta comparecencia de urxencia solicitada polo BNG, segundo subliñou, para explicar “unha aberración xurídica que levou á vulneración de dereitos fundamentais e ao establecemento dunha medida ilegal e ineficaz durante case tres semanas” e que esixe “responsabilidades ao máis alto nivel” con “destitucións ou dimisións” das persoas responsables “desta chapuza legal e deste atropelo de dereitos”.

De igual xeito, aclarou que a comparecencia tamén fora solicitada para debater propostas construtivas tanto no ámbito sanitario como no económico e lembrou neste sentido as propostas nacionalistas para, por unha banda, articular un plan de indemnizacións para a hostalería polos peches e restricións impostos, así como a creación co sector dunha mesa de diálogo “permanente e plural para acordar un marco estable, seguro e legal” e, por outra, para acometer con urxencia “reformas estruturais, non de placebo” que permitan corrixir a grave situación da sanidade pública, co reforzo do sistema sanitario e cun plan de choque específico para a Atención Primaria dotado de 200 millóns.

“A realidade é que o sistema sanitario público chegou ao 2020 exhausto como consecuencia dos recortes e privatizacións do PP que fixo que estivera nunha situación xa crítica nese momento e que se agravou coa pandemia, algo que di o Tribunal de Contas e tamén o Consello Económico e Social (CES), que pide reforzar o sistema sanitario e incrementar o investimento sobre todo na Atención Primaria, que é o que lle estamos reclamando dende o BNG”, explicou, para a continuación aludir ao “clamor social que tamén o está pedindo en todo o país”. “É a cidadanía galega a que o está reclamando. Non o ven tampouco? Por que vetan este debate?”, cuestionou.

Bará tamén recalcou que logo do “demoledor” auto do TSXG que, segundo dixo, supón “unha emenda á totalidade ao modus operandi do Goberno do PP”, resulta preocupante que o Goberno de Feixóo siga defendendo a oportunidade dunhas medidas que o alto tribunal galego botou abaixo dun xeito contundente. “Un auto no que se fala de medidas ineficaces e non necesarias, no que se fala de discriminación e demonización do sector hostaleiro. Se lles parece pouco isto...”, afeou con severidade.

Despois de cualificar como “absolutamente disparatadas, arbitrarias, improvisadas e con cambios delirantes” as medidas adoptadas pola Xunta despois do auto do TSXG, o deputado nacionalista considerou “obrigada” a comparecencia do presidente da Xunta na Cámara e a necesidade de que dea contas en sede parlamentaria sobre o acontecido nas últimas semanas “porque non se pode nin ocultar nin silenciar”, pero tamén de “mirar más alá, analizar o que está pasando no ámbito sanitario e no económico” e adoptar medidas que permitan corrixir esta grave situación.

“Vostedes non queren falar disto e por iso vetan o debate, pero o BNG vai seguir esixindo esta comparecencia e no novo período de sesións vai converter estes temas no centro do debate deste Parlamento por moito que vostedes queiran ocultalos, vetalos e silencialos”, concluíu.  

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG