BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que se sume ao “consenso social de da comunidade científica” e desenvolva e aprobe un novo marco regulatorio do sector eólico que incremente as garantías sociais, económicas e medioambientais elaborando un novo Plan Sectorial Eólico que conte cunha ampla participación dos axentes implicados e un amplo proceso de exposición pública co fin de suscitar o maior consenso posible, adaptando as áreas de investigación eólica ás dimensións da tecnoloxía na actualidade e tendo en consideración as necesidades enerxéticas de Galiza e o papel doutras tecnoloxías.
Nunha moción parlamentaria, o Bloque defendeu de igual xeito o impulso urxente dunha reforma da lexislación eólica que realmente asegure as distancias a núcleos de poboación sexa maior sen que o Goberno galego poida habilitar excepcionalidades, así como reforzar o persoal ao servizo da Xunta para a tramitación eólica e para constituír un servizo específico de información á cidadanía para dar cobertura técnica e xurídica ás inquedanzas de colectivos e persoas afectadas e propietarias. De igual xeito, a moción nacionalista pedía a elaboración e remisión ao Parlamento galego dun estudo sobre as inxerencias competenciais e normativas das regulacións e plans estatais do sector enerxético e os problemas derivados, co fin de impulsar as medidas oportunas para a defensa do autogoberno galego.
Logo de recordar que hai apenas 10 días máis de 5.000 persoas celebraron o Día Mundial das Montañas reclamando un cambio de modelo, a portavoz nacionalista de Enerxía, Noa Presas, advertiu ao Executivo de Feixóo do “enorme malestar” que existe coa súa política eólica en todo tipo de axentes, desde os colectivos medioambientais e veciñais, ata as comunidades de montes e concellos de todas as cores políticas, pasando por reservas da biosfera e mesmo pola propia patronal do sector. “E por moito que manipulen, non enganan señores e señoras do PP -censurou- estas persoas non están reclamando contra a enerxía eólica, senón contra o seu modelo depredador e favorecedor do lobby eléctrico”.
Segundo recalcou, as políticas do PP “están facendo que neste País a eólica sexa un problema no lugar dunha oportunidade” e subliñou que este problema ten unha tripla vertente: social, pola falta de participación, información e transparencia; económico, porque está sendo incompatible con outras actividades económicas, porque a recadación impositiva é insuficiente e porque non se participa directamente dos beneficios do sector a través de fórmulas de participación pública; e medioambiental, porque non se garante o cumprimento da normativa, porque se permite a fragmentación de proxectos e porque non se blindan as zonas que deberían estar excluídas de implantación, como é o caso dos territorios pendentes da ampliación da Rede Natura.
Despois de reprochar ao Goberno galego que non escoite a opinión de ningún dos axentes sociais, políticos, económicos e mesmo científicos, Presas dixo probar no pleno parlamentario de hoxe “outro intento”: “escoiten ao Consello da Cultura Galega” (CCG), pediu en alusión ao exhaustivo “e demoledor” informe sobre enerxía eólica e paisaxes culturais que vén de facer público o órgano estatutario galego.
Así, a deputada nacionalista recordou que neste informe o Consello reclama a revisión do actual Plan sectorial eólico porque valora positivamente a implantación desta enerxía renovable, pero considera que “a maneira en que se está desenvolvendo resulta negativa para ámbitos como a cultura e incluso a economía”. A isto engadiu que, sobre o impedimento da participación social e a falta de transparencia, o CCG advirte que “resulta difícil coñecer o número exacto de parques eólicos actualmente en tramitación, ante a imposibilidade de acceder a unha información oficial nas páxinas da Xunta”, ao tempo que conclúe, logo dunha análise do Rexistro eólico, que “dubida da fiabilidade” dos datos.
Dando lectura textual a algunhas das conclusións do informe, Presas tamén subliñou a referida ao, segundo o Consello, o “feito de que o Plan sectorial eólico de 1997 non fose sometido a avaliación ambiental estratéxica determina unha avaliación fragmentada, proxecto a proxecto. Isto, unido a que a propia estrutura de avaliación ambiental dos proxectos presente serias insuficiencias, provoca un alto potencial de dano ambiental non diagnosticado, que se incrementa a medida que se autorizan parques eólicos sen unha visión de conxunto dos seus impactos. Estes danos ambientais serían irreversibles, en boa medida, ao supor alteracións non avaliadas dos ecosistemas afectados”.
Logo de salientar tamén a advertencia do CCG ao afirmar que “non se pode hoxe ignorar as implicacións e efectos das políticas enerxéticas, como se fixo no pasado cos grandes encoros, responsables dunha das grandes transformacións perpetradas no territorio de Galiza, nas que tamén se negou a participación cidadá”, Presas rematou a súa intervención cuestionando ao PP: “que van argumentar agora para denostar tamén ao Consello da Cultura Galega?”. A iniciativa do BNG non prosperou polo veto do PP.