parlamento galego

BNG reclama á Xunta que facilite a realización dos cursos preparatorios e das probas do CELGA no exterior de Galiza

Daniel Castro
Daniel Castro
O deputado Daniel Castro advirte que as persoas que estudan galego fóra do país teñen que desprazarse a Santiago ou Ponferrada para examinarse

O BNG vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a volver ofrecer a posibilidade de realizar, tanto os cursos preparatorios como as probas CELGA, en todos aqueles centros que ofrezan cursos de lingua galega tanto en Galiza como no exterior.

O Bloque leva á Cámara esta reivindicación logo que o Goberno galego decidira suspender os cursos preparatorios e os exames fóra do país, agás na cidade de Ponferrada, o que provoca que calquera persoa non universitaria só poda preparar dito exame nas cidades de Santiago de Compostela e Ponferrada, e nunha única Escola Oficial de Idiomas (EOI), a Jesús Maestro de Madrid.  

Segundo explica o deputado Daniel Castro, as consecuencias desta ausencia de cursos preparatorios provoca -ademais da redución das saídas laborais dos e das graduadas en lingua e literatura galegas- un importante déficit na preparación das probas, “levando a que moitas persoas teñan que empregar a autoaprendizaxe a través da rede cuns materiais didácticos sempre escasos”.

A isto hai que sumarlle as dificultades coas que se atopan as persoas que, pese ás trabas, deciden estudar pola súa conta e examinarse para acreditar o CELGA. Neste sentido, a formación nacionalista exemplifica a situación no caso dun grupo de alumnos e alumnas catalás que están estudando galego en Barcelona a través da cooperativa Aula d’Idiomes e que lanzaron unha petición á Xunta para que se lles permita acreditar oficialmente a lingua galega, como se tiña feito anos atrás, sen ter que desprazarse a Galiza.

A través desta petición déixase ver os impedimentos que se atopan para poder presentarse aos exames: viaxar obrigatoriamente ou a Santiago ou a Ponferrada, asumir os custes persoalmente e, dada a pouca antelación na concreción das datas das probas por parte do Executivo galego, o encarecemento dos gastos de viaxe e aloxamento e a dificultade para conciliar o desprazamento coa vida laboral. Ante todas estas dificultades, o alumnado da Aula d’Idiomes pon como exemplo o funcionamento do Institut Ramon Llull, que organiza probas alén das fronteiras catalás, entre outros moitos lugares, en Galiza.

Ante as demandas chegadas nesta mesma liña fóra das fronteiras estatais e mesmo europeas para poder estudar a nosa lingua coma outra máis entre as optativas nos centros de linguas, o BNG reclama ao Goberno do PP que facilite esta posibilidade e a acreditación oficial de galego dándolle o prestixio social e profesional que tiña hai anos en diferentes cidades.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG