BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que faga valer os dereitos do alumnado do IES de Becerreá, centro de referencia para Os Ancares, restituíndo a materia de francés nos dous cursos nos que foi eliminada porque non había suficiente alumnado segundo a Consellería de Educación, ao tempo que enmarcou esta decisión do Goberno galego no contexto xeral de recortes no ámbito educativo ao que está sometendo á Montaña lucense.
Así o denunciou a deputada nacionalista Carme Aira, nunha pregunta parlamentaria ante a comisión de Educación, na que advertiu do prexuízo para o alumnado do instituto de Becerreá dado que o francés é unha materia da que se pode examinar na ABAU e que ten a máxima ponderación posible nesa proba de acceso aos estudos de grao.
“A gravidade da decisión só se comprende cando se sabe que o IES conta cunha profesora de francés con praza fixa no centro e horario suficiente para impartir a materia neses cursos o que, polo tanto, non supón ter que incrementar recursos, senón que deixa desaproveitados os que xa hai mentres prexudica ás alumnas e alumnos ao deixalos en situación de desigualdade en relación co de outro centro que non fora rural”, recriminou.
Logo de subliñar que o equipo directivo do centro chegou mesmo a presentar a súa dimisión en bloque para reverter a decisión sen conseguilo, Aira censurou que o que acontece en Becerreá enmárcase “no contexto xeral da Montaña lucense, onde vén habendo dificultades en moitas das súas localidades”, entre as que exemplificou coas das Nogais -onde o alumnado de Infantil e Primaria comparte aula e profesorado-, Cervantes -onde non se cubrían as ausencias- ou a do Incio, onde, segundo ironizou, “cada ano hai que encomendarse ás estrelas para que a profesora de Infantil saiba de música ou de inglés porque en ningún caso poden contar con profesorado para cada especialidade”.
A deputada nacionalista recordou que cada novo curso tanto dende as equipas directivas dos centros como dende as Anpas “tense que dar unha verdadeira loita para que as súas crianzas poidan contar cunha educación en igualdade de condicións co alumnado das urbes”. Neste sentido, reprobou a decisión da Xunta en Becerreá, dado que o IES dispón de profesorado, disposición horaria e instalacións, polo que considerou que esta “incoherencia máxima fai que pensemos que non pode ser gratuíta, senón un paso máis de cara a un futuro aínda máis escuro para o rural e para as persoas que viven nel”. “Así mesmo, parece que non son gratuítas tampouco as decisións que se refiren a desvitalizar o ensino na Montaña, localidade por localidade, non sabemos se o obxectivo é pechar os centros e punto”, recriminou.
Aira recalcou que suprimir opcións na oferta educativa suporá que as familias opten por enviar á súa xuventude a Lugo, aínda facendo un esforzo económico, o que suporá “o desarraigo total destas e destes mozos coa súa comarca, xa que tampouco a mobilidade está pensada para que poidan volver a diario ao seu domicilio”.
“Está o Goberno da Xunta facendo un ímprobo esforzo en recuperar lugares medio deshabitados, restaurar casas abandonadas, investimentos todos eles de enorme contía e insospeitado resultado, todo co fin de fixar poboación, mentres se fai todo o posible para que as nenas e nenos teñan a menor calidade educativa posible, actuando pouquiño a pouquiño pero de xeito implacable para desvirtuar o rural e os dereitos das persoas que viven nel”, incidiu para subliñar a continuación que “tirar os cartos e que a xente se vaia é unha soberana incongruencia ata para este Goberno do PP”. “É imperativo tirar instrucións absurdas ao lixo, deixar de contar e cuantificar ás nenas e nenos e investir no que nos dará futuro como País e calidade vida como pobo: a educación”, concluíu.