congreso

BNG reclama o respecto dos dereitos lingüísticos nas Comisarías da Policía Nacional

Néstor Rego
Néstor Rego
Após o último caso coñecido de vulneración do dereito ao uso do galego, o dunha cidadá de Vigo, Néstor Rego lembra que a lexislación vixente ampara a utilización da lingua propia e propón a formación lingüística dos axentes e a actualización das aplicacións empregadas na administración para eliminar calquera obstáculo á realización de xestións na lingua da Galiza.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, propón a formación lingüística dos axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado destinados na Galiza co obxectivo de garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía. Así mesmo, instou o Executivo a actualizar os programas e plataformas de tramitación de denuncias e formularios para que estean dispoñíbeis en calquera das linguas oficiais do Estado español e mesmo que os axentes destinados ofrezan esa posibilidade á cidadanía.

Despois de coñecer a través das Redes Sociais o caso dunha cidadá na Comisaría da Policía Nacional en Vigo, a formación nacionalista presentou no Congreso unha proposta para que se respecten os dereitos lingüísticos da cidadanía galega e do resto de territorios que teñen unha lingua propia. Neste sentido, a formación nacionalista lembra que a lexislación vixente ampara a cidadanía en cuestións lingüísticas: do Estatuto de Autonomía da Galiza até a Carta Europea das Linguas asinada polo Estado español.

Tal e como relatou a denunciante, cando chegou ás dependencias da Policía tivo que reiterar até tres veces o seu desexo de formalizar a denuncia en galego. O axente aseguroulle que non podía atender a súa petición posto que a aplicación informática só está dispoñíbel en español, convidándoa a redactar ela mesma a denuncia a través da páxina web. Despois de varios minutos de discusión, o superior ao mando indicoulle ao axente que lle tomase as declaracións en galego, mais dando a entender que ao se presentar nesa lingua a denuncia tería menos posibilidades de ser tida en consideración.

“Non se trata dun caso illado, senón que esta situación é o habitual, trátase da norma xeral e non unha excepción. Os programas informáticos só están dispoñíbeis en español, os axentes non preguntan en que lingua queren que se redacte a denuncia” explica Rego, referíndose a que independentemente de a persoa se expresar en galego ou español, a denuncia redáctana en español  mesmo se a cidadá ou cidadán manifesta o seu desexo de que se transcriba en galego. “Esta práctica non pode seguir a tolerarse e deben adoptarse medidas e instrucións precisas” destaca o deputado nacionalista.

Por este motivo, o BNG solicitou ao Ministerio de Interior, do que dependen as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que envíe as instrucións precisas para que as e os axentes destinados en territorios con varias linguas oficiais ofrezan a posibilidade de realizar os trámites que deban cursarse en dependencias policiais na lingua da súa elección. “Ten que darse a formación adecuada para que todos os e as axentes destinados nun territorio con varias linguas oficiais logren a competencia necesaria no uso oral e escrito  delas para así garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía” destacou Néstor Rego.

Así mesmo, o deputado do BNG instou a actualizar os programas e plataformas empregados para que “todos os trámites e formularios poidan estar dispoñíbeis en calquera das linguas oficiais”, dando as instrucións necesarias aos mandos para promoveren o uso das linguas oficiais distintas do español.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG