A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu na Comisión de Pesa do Parlamento Europeo celebrado hoxe que a actualización do informe do ICES previsto para decembro inclúa o impacto socioeconómico do veto á pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico Norte, xa que na súa comparecencia, o propio representante do ICES, Mark Dickey-Collas, recoñeceu que non se tivo en conta suficientemente o criterio socioeconómico na elaboración do novo regulamento.
“O ICES acaba de confirmar que non hai certezas, senón demasiada incertidume. Polo tanto, diante de datos tan incertos, por que se decidiu un veto tan drástico e cunha repercusión tan desastrosa para o sector pesqueiro galego?”, pregunta Ana Miranda, quen ao tempo salientou que eses criterios deben ser precisos e completos, “algo que no ditame do ICES de 2021 non aconteceu”.
“No BNG pensamos que é imprescindible que o criterio científico estea no centro da formulación das políticas pesqueiras. E o propio sector pesqueiro galego comprende e comparte que as decisións estean baseadas en criterios científicos”, manifestou a eurodeputada do Bloque, polo que defendeu que nas seguintes análises se teñan en conta os datos empíricos pesqueiros.
Neste sentido Miranda lembrou que a Política Pesqueira Común establece que a pesca debe ser “coherente cos obxectivos de lograr beneficios económicos, sociais e de emprego, e de contribuír á dispoñibilidade de alimentos”. “Polo tanto, a ciencia debe interpretarse de maneira que asegure a sostibilidade ambiental, pero tamén a económica e social a longo prazo”, subliñou.
Diferenciación das artes
Na súa intervención, a eurodeputada nacionalista expresou a preocupación do Bloque, compartida polo sector pesqueiro, de que non se diferenciaran as distintas artes de pesca. Ao respecto Miranda defendeu a inclusión da diferenciación entre las artes de arrastres de fondo, a de enmalle e as de palangre de fondo.
Segundo o BNG, a Comisión Europea tiña que ter esperado aos novos informes de 2022, con datos actualizados e completos, para tomar unha medida desta magnitude, que en Galiza afecta a máis de 1.000 barcos e 4.000 tripulantes.