O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantén unha xuntanza no Rosal con representantes de distintas comunidades de montes da comarca do Baixo Miño- O Rosal, A Guarda, Tui e Tomiño- e coa Asociación Galega de Montes, onde traslada as iniciativas rexistradas no Congreso co obxectivo de que o Goberno do Estado rectifique e permita que as comunidades de montes veciñais poidan seguir mantendo a titularidade inmemorial recoñecida legalmente dentro da zona de dominio público marítimo terrestres e do deslinde de costas, así como recoñecer no Código Civil a propiedade de carácter colectivo ou comunitario.
Durante a xuntanza, Néstor Rego acompañado pola alcaldesa da localidade do Rosal, Ánxela Fernández Callís, trasladou as iniciativas rexistradas polo BNG no Congreso para que o Goberno resolva a situación pola que atravesa a Mancomunidade de Montes do Rosal e outras comunidades de montes veciñais. As iniciativas nacen a raíz de reunións anteriores do deputado nacionalista coa ORGACCMM e a recompilación da información e as demandas que se materializaron en preguntas ao Goberno do Estado e mesmo unha Proposición Non de Lei que será debatida na cámara baixa, concretamente na Comisión de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
“A Organización Galega de Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) xa trasladara ao BNG a súa fonda preocupación pola situación que se está xerando polas actuación que as Xerencias Territoriais do Catastro que atentan directamente aos intereses da comunidades de montes” comeza Rego. As oficinas territoriais están a informar de que os terreos, propiedade da comunidade, situadas dentro da demarcación marítimo-terrestre pasarán a considerarse titularidade do Estado. “A pesar de que Catastro concede un prazo de alegacións, as resolucións están sendo inamovíbeis o que supón unha expropiación dunha propiedade colectiva” denuncia Rego.
Neste sentido, o deputado nacionalista insta o Goberno a reformar a Lei 22/1988 de xullo de Costas para que as “titularidades de carácter comunitario poidan existir legalmente dentro da zona de dominio público marítimo terrestre e do deslinde de costas e sometidas, en todo caso, aos límites de uso e autorizacións que se consideren necesarias”. A Lei trata por igual a todo tipo de propiedades e, no momento actual, debería iniciarse unha revisión do seu contido para permitir que na zona poidan coexistir outras titularidades “que respecten ese carácter demanial e non privado”.
Así mesmo, a formación nacionalista tamén reclama na cámara baixa que se promova a modificación do artigo 338 do Código Civil co obxectivo de que se recoñeza, de maneira expresa, a propiedade “de carácter colectivo ou comunitario, como a que se da no caso dos montes veciñais”. En opinión de Rego “non é acertada” a equiparación dos bens de titularidade privada cos montes veciñais en mancomún, que teñen un carácter colectivo ou comunitario.
“É preciso revisar e actualizar a lexislación vixente para que recolla, de maneira clara, a realidade e a existencia de montes veciñais en mancomún que non son nin de titularidade pública nin privada. Son de propiedade colectiva, unha terceira categoría que, esta forma, ten unha importancia capital na Galiza posto que ocupan a cuarta parte do territorio” explica Rego. Máis de 700.000 hectáreas xestionadas por 2.800 comunidades de montes que supón “un sinal de identidade e da cultura galega ademais dun motor económico e produtivo decisivo”.