O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, xunto con representantes do BNG na comarca do Deza, deron conta das emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado para 2023 coas que a organización nacionalista reclama o incremento do investimento en materia de infraestruturas e mellorar a seguranza viaria. A organización nacionalista aposta pola rebaixa das portaxes na AP-53, pola mellora dos accesos no Alto da Rocha e o enlace na saída da Lamela en Silleda, así como pola posta en marcha de medidas de reposición e de aumento da seguranza viaria na N-525 e na N-640. Así mesmo, o deputado demandará desenvolver políticas verdadeiramente sociais para paliar a crise económica e social provocada pola suba desproporcionada dos prezos.
Na comparecencia para dar coñecer as emendas da comarca do Deza, o deputado nacionalista estivo acompañado polo responsábel comarcal do BNG, Xoán Blanco, e os portavoces de varios concellos: o voceiro do BNG en Lalín, Paco Vilariño; o concelleiro en Vila de Cruces, Alex Fiúza; a portavoz en Silleda, Tania Cornado; o concelleiro de Dozón, Miguel Docasar; e a responsábel local do BNG no Concello de Agolada, Susana Tato.
A organización nacionalista focou as emendas no incremento do investimento en materia de infraestruturas. Neste sentido, destacaron a emenda rexistrada para rebaixar as portaxes na AP-53, unha vía de comunicación estratéxica para o interior do País que “constitúe a única alternativa á N-525 para a conexión de Lalín coa capital da Galiza”, explicou o concelleiro do BNG en Lalín, Paco Vilariño. As portaxes oscilan entre os 6,15€ para vehículos familiares e de 12,35€ para os vehículos pesados por un traxecto menor a 50 quilómetros entre Lalín e Santiago de Compostela. “Resultan abusivos, sobre todo nun contexto de crise e non axudan a mellorar a mobilidade nin a competitividade dos sectores produtivos da comarca nin tampouco para loitar contra a despoboación do rural” salienta o deputado do BNG no Congreso.
Así mesmo, a frente nacionalista defende unha partida de 200 mil euros para a mellora do acceso da AP-53 na saída de Lamela, no Concello de Silleda. “Aínda se está a empregar a pista de concentración parcelaria de propiedade municipal, unha solución que se entendía provisional e que derivou en definitiva mais que está a prexudicar tanto os usuarios da AP-53 como a veciñanza da zona” explica a portavoz do BNG en Silleda, Tania Cornado. Neste sentido, lembra que o proxecto inicial constaba dun enlace coa N-525 a través dunha nova estrada que transcorría detrás dos núcleos da Brea e Barravaite do que nada se sabe a día de hoxe. “Trátase de unir dúas vías de titularidade estatal, o lóxico é que sexa o propio Estado quen asuma esta responsabilidade” apunta Rego.
Mellora da seguranza na N-525 e N-640
A única vía alternativa á AP-53, cuxo uso é inviábel para a maioría das persoas usuarias por tratarse dunha das portaxes máis caras do Estado, é a N-525 que atravesa varios núcleos de poboación polo que a velocidade está limitada en moitos tramos a 50 km/h e, como consecuencia, esta infraestrutura atópase en mal estado e continuamente saturada. “Existiron varios proxectos para a mellora integral da N-525 no tramo Lalín-Ponte Ulla mais os diferentes gobernos do Estado non executaron nin unha soa partida. Mesmo existía a previsión de mellorar varias das interseccións e sendas peonís para unir Taboada con Silleda e as de Chapa e Lamela coa Bandeira” destaca Rego mentres explica que ningunha destas actuacións se realizou até o de agora.
“É necesario unha actuación para mellorar as interseccións coa N-525 en Dozón porque presenta problemas de mobilidade e seguranza. Xunto o habitual tráfico de vehículos, súmase a circulación frecuente de gando, maquinaria agrícola e peóns” apunta o voceiro do BNG en Dozón, Miguel Docasar. Os cruzamentos onde é máis urxente actuar son o de Pereirón, de Parada, de Mizoite, o paso subterráneo e o cruzamento da Gouxa e todos os accesos ao polígono industrial. “É preciso construír pasos subterráneos para o gando, mellorar os accesos aos xa existentes e crear carrís de incorporación” demanda Néstor Rego.
Por outra banda, destaca a responsábel local do BNG no Concello de Agolada, sinala a necesidade de levar a cabo o proxecto de urbanización da N-640 ao seu paso pola zona urbana. “É un traxecto de 600 metros que presenta múltiples deficiencias como o problemas coas augas e en seguranza viaria que está a provocar accidentes” indica. Neste sentido, a frente nacionalista propón, a través dunha emenda, a instalación de elementos para o calmado do tráfico, así como unhas beirarrúas que posibiliten a circulación de persoas con mobilidade reducida, carros de compra ou para as crianzas, para que os peóns non se vexan obrigados a empregar a vía pola que circulan os vehículos.