parlamento galego

BNG reclama no Parlamento o compromiso da Xunta para garantir a continuidade da construción naval en Vulcano

Carmela González
Carmela González
Carmela González insta ao Goberno galego a facer valer a súa presenza no consello do porto para evitar a rescisión da concesión en Teis

BNG reclamou á Xunta no pleno do Parlamento galego que deixe de lado as evasivas e se comprometa para asegurar a continuidade da construción naval nos terreos portuarios de Teis onde se atopaba o estaleiro Vulcano.

Nunha pregunta parlamentaria, a deputada nacionalista Carmela González pediu ao vicepresidente económico e conselleiro de Economía que defina a súa posición e actúe como Goberno galego que é para garantir a actividade naval e o emprego do estaleiro San Enrique, novo propietario logo da liquidación de Vulcano.

González reprobou a “présa” que parece ter a Autoridade Portuaria de Vigo para extinguir a concesión portuaria do estaleiro nos terreos de Teis, “para sacala de novo a concurso”, despois de que a recente sentenza do Tribunal de Conflitos Xurisdicionais puxera nas súas mans a decisión final sobre a finalización de dita concesión.  

Segundo explicou, a resolución da actual concesión requirirá dun acordo expreso do consello de administración da Autoridade Portuaria de Vigo, no que están representadas Xunta, Concello de Vigo e outras administracións públicas, polo que reclamou ao Goberno do PP que faga valer a súa representación no consello do porto para que non se rescinda a concesión, a construción naval siga en Teis “e os traballadores que están na casa sen cobrar recuperen o seu emprego”.

“Está nas súas mans, tanto nas do PP como nas do PSOE, evitar que este estaleiro emblemático desapareza dándolle un golpe letal ao conxunto do sector naval de Vigo”, recalcou, para a continuación recriminar que se tente enganar á cidadanía cando a continuidade da actividade naval en Teis depende dunha decisión política. “E téñena que tomar vostedes”, apelou.

A deputada nacionalista advertiu de que a desaparición de Vulcano e Barreras suporía un forte impacto en termos económicos e laborais, coa perda de milleiros de empregos directos e indirectos en Vigo e comarca. “Póñase á fronte da situación do naval de Vigo e busque solucións para o sector”, pediulle ao vicepresidente da Xunta, ao que tamén solicitou que trace “unha folla de ruta” para volver recuperar o liderado na construción naval no Estado, “ese liderado do que presumen e que xa nos arrebatou Asturias”, afeou.

“Dende que vostedes gobernan na Xunta, Vigo perdeu 5.400 empregos industriais”, reprochou logo de criticar a pasividade do Goberno do PP. “Vostedes teñen as competencias en materia industrial en Galiza, algunha responsabilidade terán”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG