O deputado do BNG Brais Ruanova reclamou ao Goberno do PP na Xunta medidas para garantir a carga de traballo e o emprego de calidade na industria auxiliar da automoción en Galiza. “Os custos da transición enerxética non poden recaer novamente sobre a clase traballadora”, advertiu no transcurso dunha pregunta no Pleno á conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana.
Unha pregunta que o deputado nacionalista aproveitou para reprobar a política do PP que, en vez de tomar medidas acertadas para evitar a deslocalización de actividade e apoiar ás auxiliares galegas, preferiu “tirar balóns fora durante anos”, de maneira que “agora temos como resultado unhas medidas que en lugar de situar a industria auxiliar na fabricación dos produtos de maior valor engadido relégana a depender de axentes externos”.
Tras lembrar que hai que remontarse a 2008 para celebrar a instalación dunha fábrica de automoción na área de Vigo, o deputado nacionalista volveu alertar de que a dependencia dun único gran fabricante deixa desprotexido ao conxunto do sector auxiliar, un risco sobre do que o BNG leva advertindo desde hai tempo e que o PP optou por obviar, de maneira que hoxe en día “a deslocalización dos pedidos da industria matriz están deixando nun fío á industria de compoñentes”.
Criticou así a negativa do PP a tomar medidas para impedir a deslocalización de actividades, como a de dar prioridade nas axudas públicas ás empresas que garantan a carga de traballo no seu entorno económico máis inmediato. É por iso que “hoxe en día non nos podemos sorprender de que se estea xerando emprego e riqueza en Túnez e Portugal a través da fabricación de vehículos cunha plataforma subvencionada con cartos das galegas e galegas”, denunciou.
Na mesma liña, lamentou que mentres outros territorios traballaron nos últimos tempos para blindar o seu sector na cadea de valor, o Goberno galego estivo máis dunha década sen desenvolver as ferramentas que podía, “e agora meteron un sprint que non está impedindo que nos colla o tren”.
Como exemplo disto referiuse á fábrica de baterías para a automoción que vén de conseguir Aragón e pola que o Goberno do Partido Popular en Galiza nunca apostou. “Deben ser o único goberno do mundo que tento un sector tan importante na economía, nunca moveu un dedo por atraer unha fábrica de baterías a Galiza”, lamentou.
“Case cen millóns de euros públicos despois, non temos un sector auxiliar da automoción blindado para os retos do futuro”, afirmou Brais Ruanova, que considerou ademais que o plan director da Xunta chega “tarde, mal e arrastro”. Emprazou así á conselleira a tomar medidas para axudar o sector industrial a fabricar os produtos de maior valor engadido e non produtos intermedios que non se finalizan aquí, convertendo a nosa industria auxiliar “nun dos elementos da cadea de valor que son máis fáciles de substituír”.
Reclamou, así mesmo, medidas para que o emprego e a contratación que se xere neste sector sexa “de maior calidade, indefinida e a tempo completo”. Entre outras cuestión, considerou necesario pór fin á aplicación de Ertes que “o único que fan é transformar os empregos indefinidos en fixos descontinuos a custo cero das empresas e con cargo aos nosos impostos”.