Congreso

BNG reclama no Congreso respecto polo galego e a igualdade lingüística

A formación nacionalista presentou, xunto a outras forzas políticas soberanistas e progresistas, unha iniciativa no Congreso para exixir ao Estado que respecte a condición de oficial da lingua galega e garanta os dereitos das persoas falantes de linguas diferentes do Español.

O Bloque Nacionalista Galego acaba de asinar, xunto a outras forzas políticas soberanistas e progresistas, unha Proposición Non de Lei para garantir o uso da lingua galega –e demais linguas do Estado- por toda a cidadanía. Esta iniciativa está inspirada no manifesto Liberdade, igualdade, democracia presentado o pasado mes de febreiro no Congreso polas principais entidades sociais de defensa da lingua: A Mesa pola Normalización Lingüística (Galiza), Kontseilua (Euskal Herria), Ómnium Cultural, Ciemen e Plataforma per la Llengua (Cataluña), Acción Cultural (País Valenciá), Obra Cultural Balear (Illas Baleares), Nogará (Aragón) ou Iniciativa pel Asturianu (Asturias).

“Un manifesto froito dunha reflexión conxunta derivada da necesidade de pór enriba da mesa compromisos políticos concretos que, fronte ás ameazas, servisen para dar seguranza, garantías e pleno recoñecemento no Estado para o galego e para todas as linguas propias” sinalou o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego.

O BNG partilla as reivindicacións destas entidades en prol da lingua, coincidentes coas recomendacións do Comité de Ministros do Consello de Europa feitas públicas en decembro de 2019 e que foron incorporadas á iniciativa parlamentar por parte das forzas políticas asinantes. Entre elas, eliminar as limitacións para o ensino nas linguas oficiais en todos os niveis educativos; corrixir a lei para asegurar o uso de todas as linguas oficiais nos procedementos xudiciais se algunha das partes o solicita; que a administración do Estado empregue as linguas oficiais nos seus respectivos territorios de implantación; aumentar o uso das linguas oficiais nos servizos públicos ou facer públicas as avaliacións do uso das outras linguas oficiais na educación.

Néstor Rego salientou que o Estado español na práctica non recoñece a súa realidade plurilingüe e sinalou que “a Administración Xeral do Estado e ou a de Xustiza non garanten que os cidadáns e cidadás da Galiza poidan usar a súa lingua, tal e como veñen sinalando as principais entidades sociais de impulso, normalización e defensa das linguas propias”.

Esta iniciativa, asinada tamén por ERC, EH Bildu, JuntsxCat, PdeCat, Podemos e CUP, vai na mesma liña do traballo realizado polo BNG en prol da lingua galega desde o retorno ao Congreso. No pasado mes de maio, Néstor Rego exixiu ao Goberno que se implementen as medidas necesarias para dar cumprimento ás recomendacións do Comité de Ministros de Europa sobre o respecto do contido da Carta Europea das Linguas. Entre elas, pídese ao Estado español que asegure no ámbito educativo a protección de todas as linguas oficiais, que se fomente o uso delas por parte das autoridades xudiciais, permitindo a realización dos procedementos noutros idiomas oficiais distintos do español, e tamén fai especial fincapé no uso das distintas linguas oficiais por parte da Administración Xeral do Estado.

O deputado nacionalista lembrou que, entre outras iniciativas, o BNG solicitou respecto para o galego fronte ao uso deturpado da nosa toponimia por parte da Administración do Estado, a exclusión da participación nos premios da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero a teses doutorais sobre violencia contra a muller para o ano 2020 escritas na nosa lingua ou a exixencia dunha actualización da aplicación RadarCOVID para que incorporara de forma inmediata a lingua galega.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG