BNG reclama axilizar as obras de mellora e cubrir o total do cadro de persoal do CAMF de Ferrol

Reunión CAMF
Reunión CAMF

Néstor Rego urxe o Ministerio a abordar unha reforma integral das instalacións e cubrir con persoal suficiente en condicións dignas para acadar os estándares de calidade e benestar adecuados para as persoas usuarias

Unha delegación do BNG mantivo hoxe unha reunión coa representación sindical da CIG no CAMF de Ferrol que fan parte do comité de empresa en que trasladaron, máis unha vez, as principais cuestións a resolver para mellorar a atención e o servizo.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, xunto co deputado da comarca no Parlamento da Galiza, Ramón Fernández Alfonzo, a Responsábel Comarcal do BNG, Pilar Lozano, e o Voceiro Municipal en Ferrol, Iván Rivas, mantiveron unha reunión coa representación sindical da CIG do CAMF de Ferrol para analizar a actual situación do servizo, as instalacións e do persoal, así como trasladar as últimas iniciativas rexistradas nas Cortes. No concreto, o BNG sinala a necesidade de emprender unha reforma integral do CAMF e dotalo de persoal suficiente, cubrindo as baixas e forma estábel e con condicións dignas, así como dos medios e recursos necesarios, co obxectivo de acadar estándares de calidade e benestar adecuados e mellorar as condicións laborais.

O CAMF de Ferrol xa foi obxecto de diversas iniciativas na pasada e na presente lexislatura da man do BNG ao entender que estas instalacións presentan un estado de deterioro e de falta de mantemento importante, ademais de non cumprir cuns mínimos estándares de confortabilidade, benestar e humanización. Así mesmo, padecen dunha preocupante falta de persoal que dificulta a prestación dunha atención digna e provoca que os e as traballadoras do centro estean sumidas na precarización laboral e mesmo obrigadas á concatenación de contratos temporais.

Adaptar o centro para unha mellor prestación do servizo

“O BNG fai súa a demanda do propio persoal do centro e as usuarias e usuarios que levan moito tempo reclamando investimentos para a mellora do centro que precisa dunha rehabilitación e reformulación integral, abordando unha estratexia clara de mellora e modernización” afirma o deputado do BNG no Congreso. Unha reforma, continúa Rego, para acadar os estándares de calidade e benestar adecuados para as persoas con discapacidade física que residen neste centro.

Porén, as obras comprometidas desde o Ministerio son parciais e orientadas a corrixir algúns dos elementos avariados, mais moitas delas, a pesar da urxencia, aínda están en fase de adxudicación. Destaca a reparación dos ascensores -só funcionan dous dos seis dispoñíbeis- e a das dependencias de cociña -con fugas de auga-, que a pesar de ser imprescindíbeis aínda non foron acometidas. “Por este motivo urximos ao Ministerio a axilizar e iniciar as obras o antes posíbel pois son imprescindíbeis para unha atención adecuada ás persoas usuarias” expón o deputado nacionalista.

O Portavoz Municipal do BNG, Iván Rivas, destacou, pola súa parte, a importancia de manter un centro destas características na comarca de Ferrol para dar servizo á súa cidadanía. “O CAMF presta un servizo fundamental para a atención ás persoas con grande dependencia, é preciso asegurar que se mantén nunhas condicións dignas para prestar un servizo de calidade tan importante en Ferrol e na comarca”.

Maior persoal para evitar a precarización

Por outra parte, a organización nacionalista urxe cubrir todas as prazas vacantes e dotalas do persoal suficiente “co obxectivo de dar un servizo de calidade ás persoas dependentes, tanto as que viven en réxime de internado como ás de atención diúrna” declara o deputado galego Ramón Fernández. “Hai que destacar que, sumado ao problema da insuficiencia de persoal, no CAMF dáse unha situación de grande precarización laboral, con horarios e quendas inasumíbeis e a contratación a través de contratos temporais concatenados de menos de 15 días que, nalgúns casos, superan os mil, por circunstancias de produción”.

Novas iniciativas

O Deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, comprometeuse a rexistrar novas iniciativas para reclamar do Ministerio axilización das obras urxentes así como a execución da mellora integral necesaria das instalacións. Ademais, tamén presentará preguntas en relación ás condicións actuais do cadro de persoal, baixas, quendas, tipos de contratos e contratacións. Así mesmo, presentará iniciativas para coñecer o estado actual da lista de espera deste centro do que non se están a cubrir o total das prazas dispoñíbeis a pesar da alta demanda.

Tamén se analizou na reunión a posibilidade, anunciada por parte do Ministerio de Dereitos Sociais de iniciar as negociacións para a transferencia do CAMF de Ferrol e do centro de Bergondo á Xunta da Galiza, tema que preocupa especialmente ás traballadoras e traballadores, pola falta de información ao respecto, pero tamén ás persoas usuarias, por como pode afectar ao servizo e sobre o que anunciaron tamén iniciativas tanto a nivel das Cortes como do Parlamento Galego, por parte do Deputado Ramón F. Alfonzo. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG