Entrada da Xunta no consello de administración de Navantia, aposta pola construción naval civil, dar as mesmas condicións ao persoal das auxiliares e un centro de reparacións na Ría de Ferrol son algunhas das propostas incluídas pola BNG na súa proposición non de lei a favor do sector naval na comarca, defendida no Parlamento polo deputado portavoz de industria Ramón Fernández, que non prosperaron pola falta de apoio de PP e PSOE.
Unha posición que o deputado nacionalista considera inexplicable e que vai contra os intereses de Ferrolterra.
“Podían rachar dunha vez por todas coa lealdade suicida a aqueles acordos da reconversión que teñen condenada á comarca de Ferrol a soportar unha crise permanente. Pero sosprendentemente o PP votou en contra e o PSOE abstívose e, desde o BNG, non podemos comprender como hoxe por hoxe se pode estar en contra de que o Goberno galego teña participación no consello de administración sendo Navantia unha empresa tan transcendente para a comarca”, salientou Fernández.
O deputado ve igual de incomprensible “a falta de apoio se ambas forzas a que o persoal da industria auxiliar poda ter as mesmas condicións laborais, de que haxa un centro tecnolóxico para o naval na ría de Ferrol no que participen as administracións publicas e a universidade ou que se vete a promoción de políticas de protección para o sector naval ante a Comisión europea”.
Co seu voto, PP e PSOE, alega Fernández, “mostran a súa posición a favor das restricións á construción naval civil en Ferrolterra e mostran que están de acordo co reparto de traballo entre os estaleiros do grupo”.
Entre outras propostas que tampouco saíron adiante: activar ao máximo nivel a actividade comercial para alcanzar a suficiente carga de traballo para manter e recuperar o emprego; aplicar unha correcta xestión empresarial e adoptar as medidas precisas nos ámbitos da definición estratéxica do negocio, da organización, da produción, medidas financeiras e de investimento, de enxeñería, deseño, innovación, e diversificación que permitan deseñar novos produtos dirixidos ao mercado da construción naval civil, nomeadamente no segmento dos cruceiros e do off-shore.
Igualmente, potenciar a fábrica de turbinas do centro de Ferrol, a construción de novos talleres, diques, e outras infraestruturas necesarias para garantir o futuro do centro de Navantia na ría como centro con plenas capacidades para a construción naval, tanto militar como civil, e garantir a división de reparacións e carenas conformando un complexo integral para a construción naval.