Galegas 2020

O BNG propón pequenas plantas como a de Lousame para o tratamento dos residuos sólidos fronte ao modelo SOGAMA

Planta Lousame
Planta Lousame
O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas pide inversión e recursos para o Complexo Medioambiental de Tratamento de residuos sólidos de Lousame que da servizo a  nove concellos do Barbanza  e xera 150 postos de traballo

O candidato do BNG salienta a necesidade de campañas de concienciación e  implicación política para impulsar pequenas plantas de xestión de residuos en  toda Galiza  

Na súa visita ao Complexo Medioambiental de Tratamento de Residuos Sólidos de Lousame, o candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas asegurou que o futuro da xestión do lixo pasa pola creación de plantas para o seu tratamento como a de Lousame que atende a nove concellos do Barbanza e xera máis de 150 postos de traballo, na súa maioría, emprego feminino.

Para o candidato nacionalista, a planta de Lousame é “un modelo a seguir” fronte ao modelo “fracasado, ruinoso e insostible de SOGAMA” con millóns de toneladas de residuos tóxicos almacenados en montañas de lixo en Cerceda e incumprindo  a lei europea, estatal e galega. Un modelo, dixo “baseado na queima de residuos e contrario a preservación do medio ambiente”.

O candidato do BNG, acompañado de concelleiros e concelleiras nacionalistas de concellos adheridos á Mancomunidade do Barbanza aos que dá servizo a Planta  de Lousame, afirmou que  resulta imprescindible defender este servizo básico e garantir o tratamento da materia orgánica para a elaboración de compost así como a reciclaxe de envases, vidro, papel, pilas, refugallos ou aceites. Neste sentido, puxo en valor o Plan  Revitaliza posto en marcha polo concello de Pontevedra coa distribución de  composteiros por toda a provincia e  que xa  superan os repartidos pola Xunta  en todo o territorio galego.

Planta LousameTras a visita á planta,  dirixida pola técnica de Medio ambiente e educación ambiental, Marta Domínguez, Rivas cualificou de “valentía política da Mancomunidade do Barbanza” ter apostado   por este sistema “viable e que recicla en cotas admisibles en todo estado español, chegando ao 50% como exixe Europa para o ano 2020”. O candidato do BNG reiterou que as pequenas plantas territoriais para  tratar o lixo “son o futuro” ante a  xeración de residuos urbanos. Para o nacionalista, “a reciclaxe do lixo comeza por nós mesmos, no momento da produción e separación” e propón un maior compromiso “coa compostaxe caseira e a gran compostaxe en plantas”. A planta de Lousame, engadiu, é un exemplo a seguir que debe ir acompañado de campañas informativas e de concienciación.

Investimentos para avanzar no tratamento dos residuos

Tras a visita, o candidato do BNG mantivo un encontro co comité de empresa,  traballadoras e traballadores da planta   e membros da forza sindical CIG para abordar diversas  propostas  entre as que destacaron  a necesidade de  investir   en recursos e material para seguir avanzando no tratamento dos residuos. Entre as demandas figura a adquisición de novos camións con acceso a distintas distancias das rúas, unha volteadora que facilite a aireación do material de compost e investimentos en contedores.

 Rivas lembrou que é urxente combinar “a actividade económica e o medio ambiente” e ao seu xuízo, a  planta de Lousame  busca “calidade de vida e respectar o medio ambiente”. O candidato nacionalista amosou o seu compromiso de utilizar todos os medios ao alcance do BNG para que este tipo de modelo  sexa  posible noutras partes do territorio galego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG