BNG instou á Xunta no Parlamento galego a demandar do Goberno central explicacións sobre as negociacións entre Navantia e Electro Rayma para resolver as discrepancias económicas sobre a execución dos últimos contratos dos buques de tipo AOR para a armada australiana, logo de que a empresa comarcal -especializada na montaxe eléctrica e de compoñentes electrónicos- denunciara que mantén un contencioso económico (por sobre-custos que cifra en 4,7 millóns) coa empresa pública e que, despois da negativa desta última a facilitar unha solución áxil e negociada, derivou na presentación dunha demanda xudicial por parte da empresa localizada en Narón e que ocupa a arredor de 150 traballadores e traballadoras.
Logo de recalcar que Electro Rayma acusa a Navantia de aproveitarse da súa delicada situación económica para conseguir un acordo á baixa e de discriminala nas distintas licitacións, o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, reclamou tamén o estudo de solucións no ámbito da financiación e coa participación do Igape para evitar que a demora na solución do contencioso poida significar a perda de emprego na empresa subcontratista ou mesmo o seu peche.
Fernández enmarcou esta situación na falta de mecanismos que garanten a correcta relación entre a empresa pública e a súa industria auxiliar, polo que, ademais de propor medidas concretas para solucionar o grave problema que sofre Electro Rayma, defendeu nunha proposición de lei, propostas concretas para promover e consolidar un tecido industrial na comarca de Ferrol ao abeiro de Navantia.
Neste sentido, considerou de capital importancia aproveitar plenamente todas as posibilidades da contratación pública para a consecución de obxectivos estratéxicos, entre os que citou a protección do emprego, a participación das Pemes ou a reactivación de comarcas en crise como é o caso de Ferrolterra, para o que defendeu a discriminación positiva das empresas comarcais, a incorporación aos pregos de contratación de Navantia de mecanismos áxiles e negociados para a resolución das discrepancias económicas que eviten tensións de liquidez nas empresas subcontratistas e a incorporación do persoal da industria auxiliar aos plans de prexubilación do persoal da empresa principal.
“O PP prefire queixarse dende a distancia que entrar no consello de Navantia”
Por último, Fernández reiterou unha última proposta do BNG xa coñecida: que a Xunta entre no consello de administración de Navantia. “Unha posibilidade, non nos cansaremos de insistir, contemplada no propio Estatuto de Autonomía de Galiza, incluída tamén na Lei de fomento do sector naval de Galiza, aprobada por unanimidade neste Parlamento, e aprobada tamén, non se sabe xa cantas veces, en diferentes iniciativas traídas polo noso grupo parlamentar a esta Cámara, mais nunca, e isto é o relevante, nunca executada polo PP”, reprobou.
Así, recriminou ao Goberno do PP que un Executivo, o Executivo Feixóo, “que prefire criticar e queixarse desde a distancia, facendo como se non tivese responsabilidades de goberno, como se non tivese competencias ou capacidade para actuar e intervir, en xeral na economía do País, e en Navantia e na comarca de Ferrol, en particular”. Nesta liña, acusou ao PP de, “iso si, non se esquecer de pasar por Ferrol cando chegan as campañas electorais para facer a consabida promesa de carga de traballo para Navantia ou mesmo a constitución dun centro de reparacións na ría de Ferrol”. “Agora ben, xa forma parte da mesma tradición, que unha vez remata a campaña electoral, Navantia volve ser competencia exclusiva do Goberno do Estado e a Xunta, o Goberno de Feixóo, non pode facer máis que acusar co dedo”, recriminou con severidade.
Para o portavoz nacionalista de Industria, ter a posibilidade de estar no consello de administración de Navantia “e non estar, non querer estar, “é ser cómplice, por omisión de todas as decisións que toma ou poida tomar a empresa discriminatorias con Galiza e coa ría de Ferrol; é poñerse de perfil diante dos problemas e da crise xa permanente da comarca de Ferrol”.
“Porque un goberno que non se implica con Navantia é un goberno que non se implica con Ferrol. E iso é o que están facendo a día de hoxe os dous gobernos, o do Estado e o galego, os dous por igual”, concluíu na defensa dunha iniciativa que, na súa votación en comisión parlamentaria, foi rexeitada polo PP e contou coa abstención do PSdeG.