O deputado do BNG, Manuel Lourenzo defendeu no Parlamento galego, a través dunha proposición non de lei, incorporar a oferta do Bacharelato de Artes en Redondela para cubrir as necesidades educativas deste concello así como estudar a posibilidade de incorporar o bacharelato á edificación das antigas Casas dos Mestres, na actualidade en proxecto de rehabilitación. A proposta do BNG foi rexeitada polo grupo do Partido popular.
Manuel Lourenzo explicou que existe demanda pero os mozos e mozas non dispoñen da opción de estudar o Bacharelato de Artes no seu concello ao que engadiu o escaso interese da consellería por esta reclamación. A maiores, explicou que a idiosincrasia do concello de Redondela conta cunha importante dinámica cultural e activismo no mundo da arte e da cultura e resulta un “ referente” neste ámbito. Este potencial cultural, artístico e económico debe ser canalizado cunha “formación adecuada”, subliñou.
A mocidade que desexa estudar un bacharelato de Artes en Redondela non pode, sentenciou o deputado. Esa mocidade, explicou, só pode optar a esta formación solicitando unha praza no concello de Mos ao que hai que engadir os problemas de comunicación entre ambas localidades, outra opción sería Vigo, no Instituto de Valadares ou o Politécnico coa peripecia que implica cadrar os horarios do bacharelato co transporte público. Só en transporte, dixo, o importe sería de 120 euros mensuais, un gran impacto económico para moitas familias.
Situación semellante produciríase no caso de querer estudar en Pontevedra ao que sumou a falta de prazas. Estas opcións non son unha “alternativa” de aí a nosa reclamación para ofertar o bacharelato de Artes en Redondela.
Tras a intervención da portavoz do Partido popular, o deputado lembrou que nos últimos tres anos, “non menos de 35 alumnos e alumnas estudan o bacharelato de Artes fóra do concello de Redondela”. De implementarse esta formación no concello, afirmou, Redondela converteríase en cabeceira comarcal e nun polo de atracción para o alumado de concellos veciños.
Unha demanda unánime co apoio do PP en Redondela
O deputado afirmou que a reclamación do bacharelato das Artes é “unha demanda unánime” do Consello Escolar municipal, das AMPAS, os claustros dos centros educativos e mesmo recollida na propia Xefatura territorial.
PP xustificou o seu voto en contra argumentando falta de consenso na reclamación ao que o deputado, Manuel Lourenzo replicou que a propia voceira municipal e deputada provincial do Partido popular, Carme Amoedo amosou o seu apoio á demanda. O que propoñemos, dixo, Lourenzo é “que se estude a posibilidade de compartir o bacharelato de Artes e o espazo museístico”, pero o prioritario é que se dote a Redondela dun Bacharelato de Artes, “en calquera dos centros”, dixo. O PP coma sempre “nin unha cousa nin outra” e veñen ao parlamento a relatar os datos de matricula da ESO, só lles faltou, criticou o parlamentario “dar os nomes e apelidos de cada alumno”.
O deputado preguntou como acollerá a veciñanza de Redondela que o Partido popular “se negue a dotar á comunidade educativa de Redondela este bacharelato”. Non sei, dixo, con que “credibilidade” se presentarán os seus compañeiros, sobre todo se pretenden ser alternativa despois “do papelón que fixo hoxe o PP nesta comisión” e cominou ao Partido popular a deixar de considerar a Redondela como “un concello de segunda”.
Lourenzo concluíu a súa intervención anunciando que o BNG seguirá reclamando o bacharelato de Artes porque é “unha demanda unánime”, por moito que tente dicir o contraio o grupo parlamentario do PP.