BNG ven de propor no Parlamento galego instar á Xunta a demandar do Goberno estatal a creación en Galiza do centro para a Competitividade e a I+D+i no Almacenamento de Enerxía, fundación do sector público estatal, adscrita ao Instituto de Transición Xusta, coa participación e achega económica dos ministerios de, cando menos, Transición Ecolóxica e Reto Demográfico; Industria, Comercio e Turismo; Ciencia e Innovación; Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana; Educación e Formación Profesional e Universidades.
A iniciativa nacionalista defendida polo portavoz de Industria, Ramón ‘Mon’ Fernández, sitúa o centro nas Pontes, polo que propón tamén a negociación e acordo co Estado, coa participación do concello, dos aspectos relacionados coa xestión, achegas económicas, instalacións, medios materiais e humanos e programación de actividades para o período 2021-2030 do futuro centro. Neste sentido, a proposición non de lei do BNG tamén recolle o compromiso da Xunta para a súa participación e achega económica no centro e para a realización dunha convocatoria pública que facilite a participación ou colaboración de institucións, organismos e empresas interesadas no proxecto.
Segundo explicou Fernández, o centro permitiría contribuír á dinamización económica e social e á creación de emprego nas Pontes e en Ferrolterra no contexto da crise que está a padecer a comarca, pero tamén permitiría rachar coa liña histórica do concello, da comarca e de Galiza no seu conxunto como meras produtoras de enerxía a baixo custo, impulsando un “salto cualitativo” cara a un modelo de calidade, xerador de valor, baseado no coñecemento e no desenvolvemento tecnolóxico e que permite consolidar no país tecido industrial asociado.
Neste sentido, indicou que a propia documentación elaborada polos organismos que dirixen a transición enerxética e concretamente o borrador da Estratexia de Almacenamento prevén precisamente a necesidade de investigar e innovar no que respecta ao almacenamento da enerxía. “Prevén precisamente -subliñou- que isto supoña unha oportunidade para xerar tecido industrial e emprego e, en consecuencia, que as zonas castigadas polo peche das térmicas deberan ser obxecto prioritario das políticas de reactivación ligadas a proxectos vinculados á transición enerxética”.
O deputado nacionalista argumentou tamén que a investigación con diversas tecnoloxías de almacenamento dentro dunha mesma rede, así como o desenvolvemento e testado de novos sistemas, “teñen nas Pontes un enclave perfecto para a súa implantación, no que o deseño de cada instalación de almacenamento, así como a súa programación temporal, podería coordinarse co ritmo da instalación das fontes renovables no termo municipal”. “E, polo tanto -engadiu- coa posibilidade de probar, en escenario real, o comportamento das diferentes tecnoloxías do almacenamento, a gran escala, en redes e a nivel de usuario final”.
Así, lembrou que nas Pontes conxúganse, malia o peche da térmica, diferentes fontes de produción eléctrica que posibilitan este xogo entre diferentes fontes e tecnoloxías de almacenamento, xa que “coexisten a produción hidroeléctrica, a eólica e o ciclo de gas natural”. “O ámbito de almacenamento pode supoñer unha oportunidade para desenvolver unha cadea de valor propia que sexa competitiva a nivel galego, estatal e internacional”, recalcou na defensa dunha iniciativa que non prosperou polo veto do PP.