Unha representación do grupo parlamentario do BNG encabezada pola portavoz nacional, Ana Pontón, celebrou en Monforte unha xornada de traballo con encontros cos representantes do cadro de persoal de Adif e de Renfe e coa xunta de persoal do Hospital monfortino, para abordar dúas das cuestións que máis preocupa a veciñanza de Monforte e comarca: transporte ferroviario e sanidade pública.
Pontón avanzou que o Bloque vai seguir levando ao Parlamento iniciativas en defensa da modernización do transporte por tren na Comarca de Lemos e no conxunto da provincia de Lugo, “para acabar cunha situación que, ademais de discriminatoria, é un disparate porque non pode ser que en pleno século XXI, esta parte de Galiza teña a mesma liña de tren de 1883. Esta seguirá a ser unha prioridade política do traballo parlamentario do BNG”.
Neste sentido, e recollendo as propostas dos representantes d@s traballador@s presentará unha iniciativa na Cámara para que o tren avant que comunica Ourense con Santiago teña unha conexión con Monforte, xa que é tecnicamente posible ter unha conexión Monforte-Ourense-Santiago que permitiría comunicar a capital da comarca de Lemos coa capital de Galiza en só unha hora, explicou Pontón.
“É unha medida moi concreta que permitiría unha mellora substancial do servizo”, recalcou. O BNG tamén aposta pola mellora do trazado e pola electrificación da liña Monforte-Lugo para modernizar o transporte por tren “como fan todos os países porque facilita a mobilidade pero tamén o desenvolvemento económico”. Por iso, a formación nacionalista reclama a conexión ferroviaria co Porto Seco “que lle dará futuro máis aló da súa función como parque empresarial”, alegou.
A dirixente nacionalista avanzou igualmente que o Bloque vai presentar na Cámara unha iniciativa para suprimir os pasos a nivel do tren que, no traxecto Lugo-Ourense ascenden a un total de 36, seis en Monforte.
Pasos a nivel ilegais e mortais
“Ten que haber un plan especial para suprimir todos os pasos a nivel que están dentro do casco urbano de Monforte, que ademais están fora da lei porque superan con moito os 500 vehículos diarios que contempla a normativa, e non se pode seguir permitindo que haxa unha situación de inseguridade sen que as administracións tomen nota, porque garantir a seguridade é unha cuestión fundamental”, indicou a deputada do Bloque.
O segundo punto na axenda de traballo do Grupo parlamentario foi a sanidade pública nun encontro coa xunta de persoal do Hospital de Monforte, en plenas mobilizacións contra os recortes e o desmantelamento do sistema público de saúde por parte do PP.
“Queremos ser a voz das súas demandas no Parlamento, que se recupere a área sanitaria de Monforte, que se dote ao centro de máis medios persoal para acabar coas listas de espera, que se aumente o número de especialidades”, salientou Pontón, tras recalcar que no se pode permitir que haxa cidadáns de segunda en materia de saúde.
Dereito a unha sanidade de primeira
“Baixo ningún concepto imos calar ante o escándalo de ver como o presidente da Xunta traballa para facer da enfermidade un negocio dos seus amiguetes privatizando e recortando, porque o dereito á saúde é fundamental, e a única garantía de que somos iguais ante a enfermidade é unha sanidade pública de primeira e igual para todos e todas con independencia de onde vivas”, subliñou Pontón.
Tras a reunión coa xunta de persoal do Hospital de Monforte, Pontón e o resto dos deputados e deputadas sumáronse á concentración en defensa da sanidade pública que protagonizaron os e as traballadoras do centro.
Con esta xornada na comarca de Lemos, o grupo parlamentario do BNG segue cos encontros de traballo en diferentes puntos do país, neste caso coa participación da deputada por Lugo, Olalla Rodil, do portavoz parlamentario de Infraestruturas, Luís Bará, e da portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado. A axenda completouse cun xantar de traballo cos responsables políticos e coa militancia do BNG e, finalmente, cunha visita ás escavacións arqueolóxicas da guerrilla antifranquista en Repil, na Pobra do Brollón, como xesto de apoio explícito á recuperación da memoria histórica.