A través dunha pregunta ao goberno, o deputado do BNG, Luís Bará reclamou facilitar un acceso apropiado ao polígono industrial Areas afectado polas obras da rápida Tui- A Guarda.
O parlamentario explicou que o polígono naceu hai varios anos cun problema de acceso que obrigaba en moitas ocasións a acceder a través dun centro comercial contiguo.
Esta situación, dixo, motivou que na parroquia de Areas dende hai anos, se produzan tapóns que “colapsan o acceso” á zona comercial e á zona industrial. A veciñanza de Areas, de Randufe e do propio núcleo de Tui, entenderon que
eses colapsos poderían solucionarse coas obras da vía rápida Tui- A Guarda, cun investimento inicial de 21 millóns de euros.
Para o deputado, o goberno, lonxe de aportar unha solución, habilitou un paso de escasos 8 metros, nos que a duras penas pode cruzar un turismo con outro. A xuízo, do deputado, este acceso é “unha verdadeira chapuza” no paso de conexión da Autovía 55 ao polígono de Areas en Tui.
O parlamentario amosou diversas fotografías para demostrar que resulta imposible o tránsito de tráfico pesado que pretende acceder ao polígono polo que preguntou se a consellería de Infraestruturas é consciente das dificultades do tráfico e das persoas que deben utilizar unha beirarrúa de 50cm que cualificou de “ilegal”.
Unha simple visita ao lugar, dixo o nacionalista, constata que estamos ante unha deficiente xestión e unha “actuación esperpéntica” dunha obra que ascende na actualidade a “33 millóns de euros” e de non incluír unha rectificación , “hipotecará o futuro da mobilidade de miles de veciños da contorna e do propio polígono industrial de Areas”.
O actual funil, explicou, forma parte dunhas obras que superan os 31M€ de investimento e unha obra con dúas adxudicacións á mesma empresa. As obras foron paralizadas durante oito anos e a Xunta volveu a adxudicar as obras a mesma empresa, “Copasa”.
Naquel momento, engadiu Bará, os planos recollían a construción de dúas rotondas e un vial que pasa por debaixo da autovía, supostamente de dobre dirección pero a realidade, é “un tubo polo que non pasan dous coches ou un camión articulado”.
Tras a resposta da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez que non anunciou ningunha rectificación do acceso ao polígono industrial, o deputado do BNG recomendou á conselleira que visite a zona para explicarlle aos veciños que a previsión da Xunta era unha dobre rotonda con un dobre carril, e isto non se vai facer. “Non sigan enganando a xente, non a estafen”.
O deputado pediu á titular de infraestruturas que “non mire para outro lado” e non agarde a que poida empotrarse un vehículo articulado pola falta de espazo. Están a tempo, rectifiquen porque despois de 58 millóns investidos están obrigados a facer unha obra “en condicións” e cun acceso apropiado ao polígono industrial. “Non permitan esta chapuza”, concluíu.