Nun acto celebrado na porta principal da Estación de ferrocarril da Coruña, a cabeza de lista do BNG por Lugo, Olalla Rodil e o candidato pola Coruña, Xosé Luís Rivas afirmaron que un goberno do BNG na Xunta impulsará a creación “dun ente público que xestione e promova o GALTREN, tren de proximidade galego”.
A candidata nacionalista asegurou que, a día de hoxe, as conexión ferroviarias lonxe de mellorar, empeoraron nos últimos anos “sen que o Partido popular fixera nada” por mudar a situación. Rodil mostrou o seu rechazo a que Galiza teña un tren do século XIX e defendeu “unha mobilidade racional e moderna” na que o tren sexa o principal motor.
O BNG promoverá dende a Xunta a creación do ente público “Galtren”
A cabeza de lista por Lugo salientou que a liña ferroviaria de Lugo continúa “sen electrificar, o FEVE desmantelado e o tren que une Coruña con Ferrol é tan precario que vai a menos velocidade que calquera coche que circule pola AP-9.
No BNG, dixo Rodil, temos un compromiso firme coa defensa do tren porque é un medio de transporte “sostible e eficaz” e por iso, “con Ana Pontón á fronte da Xunta de Galiza, impulsaremos a creación dun ente público que xestione e promova o GALTREN”.
“En Galiza temos que apostar nunha mobilidade máis eficiente, máis racional e máis respectuosa co medio ambiente; unha mobilidade do século XXI que responda ás necesidades das galegas e galegos e contribúa á vertebración e desenvolvemento do noso país”. Ese é o compromiso do BNG. “Que Galiza volva coller o tren”.
O tren é idóneo en Galiza para o transporte de persoas e mercadorías
Pola súa parte, o candidato pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas (Mini) denunciou o sistema radial do actual tren en Galiza concibido para comunicalo con Madrid e outros puntos. Neste sentido, explicou que non fai falta máis que tentar facer unha viaxe entre A Coruña e Ferrol para comprobar que o “Feve está desmantelado”.
Rivas tamén destacou a situación nas que se atopan na actualidade as vías do tren en Galiza, “invadidas polas silvas” ademais de trens sen revisor, circunstancias, que na súa opinión obedecen á intención do Partido popular de “acabar co tren como medio de transporte”. Fronte a isto, recalcou o nacionalista, o BNG aposta por unha mobilidade “ racional, sostible e eficiente” e o transporte ferroviario cumpre con estas condicións. “ O tren é idóneo en Galiza” e precisamos conectar as dúas áreas metropolitanas como Ferrol e A Coruña porque o percorrido agora leva máis dunha hora e non conta con horarios para persoas traballadoras e estudantes, concluíu.