A candidata á presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón afirmou que o 25 S non é un mero cambio de xestores e o BNG presenta un programa sólido, solvente e dende o país para o cambio político en Galiza
No acto de presentación da candidatura pola provincia da Coruña, celebrado hoxe en Compostela, a candidata á presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón afirmou que a diferenza doutras forzas que levan semanas con políticas de autobombo ou guerras de poder, o BNG está centrado en escoitar, dialogar e explicar propostas para que os galegos e galegas saiamos adiante nun momento tan difícil e complexo.
A candidata explicou que hai máis de tres semanas que o Bloque Nacionalista galego aprobou as súas candidaturas porque o importante, dixo, é traballar cun proxecto claro, definido e solvente que sexa útil para que os galegos e galegas teñan solución aos seus problemas e poidamos avanzar cun programa sólido e de país e defendido por persoas que encarnan esas alternativas.Neste sentido recalcou que O BNG presentase cunhas listas excepcionais, con persoas de diversos ámbitos ás que nos une a defensa dunha alternativa nacionalista e de futuro para Galiza. Unhas listas elaboradas dende abaixo arriba pola militancia do BNG e través dun proceso asembleario e de participación directa co amplo consenso dentro da organización.
O 25 de setembro o cambio, dixo, non é un mero cambio de xestores, son necesarias mudanzas estruturais para facer fronte ás desigualdades sociais e a diverxencia económica de Galiza. O BNG aposta por eses cambios a través dun proxecto alternativo cheo de solvencia, experiencia e valentía para o cambio político que se vai producir nas vindeiras eleccións de setembro.
Dende o BNG queremos acabar co espolio enerxético, coa emigración forzada, as desigualdades e a discriminación da nosa lingua e somos optimistas porque confiamos na potencialidade e capacidade do noso país. Asemade, Pontón asegurou que é necesario superar o estatuto e aplicar políticas na defensa do noso idioma e cultura.
Os incendios apáganse no inverno, non no verán
A candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galiza reiterou o seu apoio ás persoas que estes días loitan contra o lume e ás que senten como as súas vivendas son ameazas. Hoxe, manifestou, sentimos a dor desa negrura que ano tras ano arrasa cunha grande parte dos nosos montes e espazos naturais protexidos. Pontón recalcou que detrás dos incendios hai intereses económicos e causas que permiten que o labor dos incendiarios sexa máis fácil. Neste sentido lembrou que o BNG, no período bipartito, xa no ano 2006 trazou un camiño de prevención e cambios da política forestal pero no ano 2009 coa chegada de Feijóo ao goberno, botaron todo abaixo. Os incendios, dixo, apáganse no inverno, non no verán e precisamos dun novo modelo forestal para poñer en valor o nosos montes.
Pola súa parte, Xosé Luís Rivas, (Mini) nº 2 da candidatura pola Coruña, tras lembrar que grazas o traballo dunha concelleira do BNG no concello de Santiago de Compostela foi convertido en parque público o lugar onde foi presentada a candidatura, afirmou que a candidatura do BNG pola Coruña, ao igual que as candidaturas do resto das provincias, caracterizase pola súa seriedade, amabilidade e non anda con vaivéns do vento.
O número dous pola provincia da Coruña tamén fixo referencia aos estragos no monte galego por mor dunha mala política forestal da que dixo, está facéndonos sufrir no máis fondo do noso país, porque, é o noso país o que arde.