A deputada Olalla Rodil formulou unha interpelación no Pleno do Parlamento para saber se a Xunta de Galiza está a actuar de oficio para investigar o que aconteceu nas residencias de maiores, especialmente nas privadas que concentran o maior número de contaxios e falecementos, co obxectivo de incidir na prevención para impedir que se volvan repetir os mesmos erros tanto na xestión da covid-19 como na vulneración dos dereitos das traballadoras e residentes destes centros. “Pídolles que non se parapeten detrás dos traballadores e traballadoras, pois non son escudos humanos”, afirmou, “precisan recursos para desenvolveren o seu labor”.
Lembrou que, no primeiro Pleno desta lexislatura, o BNG impulsou a creación dunha comisión de investigación sobre a xestión da pandemia nas residencias “coa vontade clara e sincera de analizar e avaliar todo o acontecido co obxectivo de corrixir erros e camiñar cara a un novo modelo de residencias”. Esa proposta, que partía tamén da demanda das familias de usuarias e residentes, saldouse co veto do PP a esa comisión de investigación.
Olalla Rodil destacou os datos de que as residencias foron “o principal foco de contaxio durante os primeiros meses da pandemia”, pois case a metade das persoas falecidas eran usuarias de residencias de maiores. Unha porcentaxe practicamente idéntica (41%) nesta segunda vaga, pois entre o 7 de agosto e até o 1 de outubro faleceron con covid 52 persoas das 127 totais. A práctica totalidade deses falecementos foron nas residencias privadas que xestionan o 80% das prazas existentes en Galiza, segundo explicou.
Deste xeito reclamou un proceso de investigación de oficio que lle corresponde á Xunta de Galiza. “O Partido Popular vetou que o Parlamento investigase o acontecido nas residencias mais o Executivo ten a capacidade, o poder e a responsabilidade de investigar que aconteceu en Celanova, en San Lázaro, no Barco, en Aldán, en Barreiro no Incio ou en Outeiro de Rei durante estes meses”, sinalou.
Preguntou tamén polo expediente informativo que a Xunta anunciou no mes de abril á DomusVI sobre o acontecido nas residencias que xestiona e das que é titular, posto que transcorreron 6 meses e non se fixo público.
Ademais, Olalla Rodil destacou a denuncia das traballadoras de DomusVI San Lázaro e Ribadumia diante da Inspección; as mobilizacións do persoal das residencias de DomusVI de Vigo, Aldán, Barreiro e Ribadumia en xuño de 2019; e as referencias no Consello de Contas de 2018 polo incumprimento das ratios de persoal de atención directa. Relatou, así, as consecuencias da falta de persoal, a sobrecarga de traballo e as deficiencias nos protocolos de funcionamento.
“Non é admisíbel que nun só día saibamos de 139 persoas contaxiadas nunha residencia como aconteceu en Outeiro de Rei, que supoñen máis do 85% das persoas usuarias, ou que na residencia Ballesol de Oleiros de 24 prazas, haxa 21 usuarias contaxiadas”, advertiu.
“Desde o BNG temos solicitado desde o inicio da lexislatura que se nos remita a relación do número de inspeccións realizadas pola Xunta de Galiza nas residencias de maiores durante os últimos cinco anos, o resultado das mesmas e os expedientes sancionadores que se teñan iniciado, de ser o caso”, explicou. “Porque a covid-19 fixo visíbel o invisíbel; puxo en evidencia as costuras do modelo de residencias deste país e, en xeral, de todo o sistema de coidados”, sinalou Olalla Rodil.