BNG reclamou no Parlamento galego á Xunta que medie ante Endesa para prorrogar o período de garantía e de suspensión dos traslados para dotar ás e aos traballadores dunha protección, “dun paraugas social” que, segundo o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, “necesariamente ten que durar tanto tempo como tarden en arrancar ou ben os traballos de desmantelamento da central, ou ben a actividade dos novos proxectos industriais que se instalen nas Pontes”.
De igual xeito, propuxo que o Goberno galego constitúa un fondo de emerxencia para a transición xusta na localidade, que permita poñer en marcha un plan de formación e outro de xubilacións anticipadas para o persoal de maior idade, unha medida que, xunto á anterior, minimizarían o primeiro impacto do peche da central, aínda que non evitarían por si soas a crise na localidade, para o que reclamou alternativas ambiciosas e planificadas e apuntou á creación dun centro de I+D+i para o almacenamento de enerxía, tal e como defende o BNG.
O deputado nacionalista recordou o pacto de Endesa cos sindicatos para establecer un período de garantía para o persoal afectado ata o 30 de xuño, atendendo á súa intención de realizar os trámites administrativos para o peche pola vía simplificada, pero advertiu de que tanto o concello como a propia Xunta presentaron alegacións para reclamar que os trámites debían realizarse pola vía ordinaria, algo co que concordou tamén o Goberno central. “Concello, Xunta e ministerio están de acordo así que o trámite administrativo para o peche vaise prolongar máis do que en principio Endesa pretendía, polo que esta prolongación de prazos administrativos ten que vir acompañada dunha prolongación dos prazos de protección do persoal”, demandou.
Sobre a proposta para que o Executivo galego constitúa un fondo de emerxencia para a transición xusta, Fernández avogou porque este sexa utilizado para poñer en marcha un plan de formación e outro de xubilacións anticipadas para o persoal de maior idade. O primeiro para deseñar itinerarios formativos en función da demanda prevista de perfís profesionais e, sobre todo, que implique retribución e alta na Seguridade Social durante o tempo que dure a formación, garantindo así non só a empregabilidade futura do persoal, senón tamén evitando lagoas de emprego e cotización. O segundo, a pactar cos sindicatos das Pontes, e que garanta como mínimo unha xubilación a partir dos 60 anos que posibilite unha solución vital para as persoas de máis idade, con maiores dificultades para empregarse.
O portavoz de Industrial advertiu de que estas medidas permitirían amortecer o impacto do peche, pero non evitar o declive das Pontes, para o que pediu ao Executivo do PP a dotación de máis solo industrial que posibilite a implantación de novas industrias e empresas e alternativas planificadas de futuro.
Neste sentido, defendeu a proposta do BNG para crear un centro de I+D+i para o almacenamento de enerxía que suporía un revulsivo radical para a economía e a reactivación industrial das Pontes, da comarca e de todo o país, dado o efecto tractor que suporía para novas industrias e empresas do sector enerxético no ámbito das renovables.
Logo de recriminar a “actitude escapista” dos gobernos galego e central, Fernández instounos a asumir as súas responsabilidades e, no caso da Xunta, recordou que fronte a proxectos que están conseguindo resultados óptimos como o Energiegune en Euskadi ou o Battech en Cataluña, o Goberno de Núñez Feixóo segue instalado na inacción. “O centro de I+D+i para o almacenamento de enerxía sería unha primeira pedra para facer de Galiza, e nomeadamente da vila das Pontes, un polo de coñecemento e de tecnoloxía”, recalcou.
Así mesmo, defendeu tamén a necesidade de que a instalación de parques eólicos estea vinculada ao desenvolvemento de proxectos industriais que contribúan a promover a reindustrialización e a creación de postos de traballo. Nesta liña avogou pola creación dunha empresa pública de enerxía que promovese proxectos no noso país, tal e como sucede en países como Italia ou Noruega.
“Non perdan de vista que o proxecto que vostedes apadriñan xunto con Reganosa para As Pontes vén da man da portuguesa EDP, cuxo principal accionista é unha empresa pública chinesa”, asegurou para a continuación reprobar que “parece que todo o mundo, literalmente, pode facer negocio cos nosos recursos enerxéticos menos nós”. As propostas nacionalistas recollidas nesta moción en pleno parlamentario non prosperaron polo veto do PP.