BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego a implantación dun Plan de Atención á Saúde Mental no ámbito do ensino para atender “os problemas de saúde mental, que xa estaban aquí de antes, e que segundo denuncia a propia comunidade educativa están a rexistrar un incremento exponencial, por cuestións estruturais do sistema e que se agravou co contexto pandémico e agora co bélico”.
Así o advertiu nunha pregunta parlamentaria o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, quen engadiu que a atención á saúde mental é “unha materia pendente” no sistema educativo galego e ao que engadiu que, a día de hoxe, nin sequera existe un estudo de referencia que ofreza “unha fotografía obxectiva de cal é a realidade da saúde mental no noso sistema educativo”.
Neste sentido, Lourenzo considerou imprescindible coñecer aspectos clave neste ámbito de actuación e entre os que citou, por exemplo, a porcentaxe de alumnos e alumnas que están tomando psicofármacos, os diagnósticos están a ter un maior peso e a súa evolución, as patoloxías que se prescriben e a duración no tempo dos tratamentos psicofarmacolóxicos para o seu tratamento ou os efectos secundarios que poden provocar este tipo de tratamentos a longo prazo en idades temperás.
O deputado nacionalista enumerou a sintomatoloxía que está a presentar parte de alumnado no actual contexto e que pasa por “padecer medo, falta de control sobre a súa propia vida, sensación de vulnerabilidade, frustración e incomodamento dentro do que é a propia relación nas aulas”. Ante esta situación, que segundo aclarou non se resolve obviamente única e exclusivamente na escola, o Goberno galego debe incrementar e mellorar os seus esforzos para atender a saúde mental da comunidade educativa.
“Se a saúde mental é algo que temos que coidar no conxunto dunha sociedade, débenos preocupar moito máis cando é algo que está afectando, tal e como está denunciando a comunidade educativa sobre maneira, ás xeracións que integran o futuro deste País”, subliñou, para concluír a continuación que a “radiografía do profesorado” neste sentido non é mellor, con profesionais sometidos a unha presión estrema polos cambios educativos obrigados pola pandemia e que tiveron que afrontar “sós, cunha Xunta que se dedicou a dar bandazos cos protocolos e con demoras absolutamente inxustificables en procedementos que eran urxentes”.