O BNG pide á Xunta que non desmantele o Centro Galego das Artes da Imaxe

Francisco Jorquera afirmou que o CGAI é unha institución chave no tecido cultural galego e “sen persoal non pode funcionar”. O PP anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista.

Francisco Jorquera

O deputado do BNG, Francisco Jorquera defendeu hoxe, na comisión de cultura, unha proposición non de lei con medidas para evitar o desmantelamento do Centro Galego das Artes da Imaxe.

Na súa intervención o nacionalista recalcou que o desmantelamento do CGAI foi amplamente rexeitado polas asociacións culturais, actores e actrices de Galiza, directores e realizadores, Asociación galega de produtores independentes (AGAPI), o Observatorio Audiovisual de Galiza e a Academia Galega do Audiovisual.

Jorquera explicou que o CGAI asume entre outras función o arquivo audiovisual e filmoteca nacional que acolle as “obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego” así como a recuperación, catalogación, custodia e difusión da produción e obras do “noso patrimonio audiovisual e fotográfico”.

 Material audivisual e fotográfico galego en risco de desaparecer

Pero o CGAI, apuntou o deputado, “non foi alleo aos brutais recortes” aplicados no eido da cultura e no seu caso eses recortes superaron o 66%, “pasando de 450.00 euros a 150.000 na actualidade”. Neste sentido, lembrou que o CGAI organizou cursos formativos que constituían un complemento fundamental para a ensinanza do cinema nas universidades pero, por mor dos recortes, o último curso foi impartido no ano 2010. Asemade, dende o 2013 non foi editado ningún libro e dende a restauración da Casa da Troya, hai xa máis de dez anos, esta actividade tamén está practicamente abandonada.

 Francisco Jorquera

O parlamentario do BNG, incidiu na importancia do CGAI na conservación fondos especializados aos que acudían investigadores para consultar bibliografía, pero dende o mes xullo do 2015 “a falta de persoal dificulta estas consultas”.

Sen persoal, o CGAI non pode funcionar

Jorquera denunciou “a precaria situación” do centro que está a provocar a acumulación de centos de latas da nosa memoria audiovisual nos corredores co perigo de que se estraguen obras imprescindibles para a nosa memoria audiovisual. A esta situación, dixo, sumase agora a modificación dos postos de traballo presentada polo AGADIC que suporía o cese dun dos dous proxeccionistas, a desaparición da figura da bibliotecaria, así como unha redución de máis do 40% das prazas do persoal co que chegou a contar o centro para o seu normal funcionamento. O parlamentario do BNG reclamou paralizar o que cualificou un “desmantelamento encuberto” e reiterou que “sen persoal o CGAI non pode funcionar”.

Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, Cesar Fernández Gil anunciou o voto en contra da iniciativa nacionalista argumentando que a RTP proposta polo AGADIC non vai a reducir  persoal no Centro Galego das Artes da Imaxe e negou que existan latas amoreadas con material audiovisual nos corredores.  As latas, afirmou, "están baleiras e son de transporte”.

Jorquera amosa fotos que desmenten as afirmacións do portavoz popular

Na réplica, Francisco Jorquera, tras amosar diversas fotografías cos corredores cheos de  “latas do Arquivo central”  amoreadas, afirmou que as explicacións de Fernández Gil  “non se axustan á realidade” e seguramente, os traballadores do CGAI estarán “flipando” coa realidade  “virtual” que vende o   portavoz popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG