Parlamento Galego

O BNG pide á Xunta que interceda para desbloquear a negociación do convenio das fundacións biomédicas de Investigación sanitaria

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado replicou ao portavoz popular que o colectivo de investigadores e investigadoras das fundacións viven nunha grave situación  de precariedade laboral e reclaman un novo interlocutor para chegar a un acordo nas negociacións do convenio laboral

A deputada do BNG, Montse Prado defendeu hoxe na comisión de sanidade unha proposición non de lei para “desbloquear a negociación do convenio colectivo dos investigadores e investigadoras das fundacións biomédicas de investigación sanitaria”.

A parlamentaria explicou que para negociar o convenio laboral  foi nomeado un mediador ligado a unha consultora  laboral que mostrou, desde o inicio, “unha grande inflexibilidade para acadar un acordo”. O colectivos de investigadores trasladaron ao BNG a necesidade de nomear a un novo interlocutor e a xuízo da deputada debe ser “a propia consellería quen tome agora esta iniciativa”.

Pola súa parte, o portavoz popular, Aurelio Núñez Centeno afirmou que as negociacións están  xadesbloqueadas ao que a nacionalista respondeu que de ser así o Partido popular votaría a favor da iniciativa do BNG, circunstancia que non se produciu e quedando rexeitada cos votos do PP a proposición non de lei defendida pola parlamentaria, Montse Prado.

Para a deputada do BNG, o voto en contra  á iniciativa constata que “o Partido popular non considera unha prioridade a investigación” tendo en conta, ademais o escaso orzamento que lle asigna a esta materia e a opacidade “nas contas” das propias fundacións.

Resulta imposible, dixo, acadar unha investigación sanitaria de calidade cando os investigadores e investigadoras “viven na precariedade laboral”. Máis de cincocentas persoas perciben uns salarios “miserables” e reiterou que o BNG seguirá apoiando ao colectivo porque a investigación debe ser “prioritaria”.

Prado criticou o “dobre raseiro” da Consellería de sanidade que por unha banda, “gaba o traballo investigador” polos beneficios que aporta á Galiza e a investigación clínica que reverte na  saúde da poboación, e ao tempo obriga aos investigadores e investigadoras a traballar con “absoluta precariedade laboral e inestabilidade”.

O  Partido popular desoíu a petición da deputada e votou en contra da  iniciativa do BNG. A deputada, tras solicitar o apoio ao colectivo cualificou   de “inaceptable” que o   Partido popular mantivera a súa posición negándose a aprobar o nomeamento dunha persoa que mediara  para desbloquear as negociacións do convenio laboral.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG