A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas cualifica de “gravidade extrema” a operación de persecución política contra a muller que denunciou a Baltar baixo a acusación de “ofrecer sexo a cambio de traballo”. A parlamentaria nacionalista pedirá que o Fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, sexa apartado do seu cargo.
No día de hoxe fíxose público que o fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado recorreu o auto polo que é arquivada a demanda contra José Manuel Baltar, Presidente da Deputación de Ourense, por un presunto acoso sexual e que sexa a vítima e denunciante a persoa que será xulgada. A deputada por Ourense e responsábel de Acción Feminista valorou esta cuestión como “un escándalo que pon aínda máis en dúbida unha xustiza que persegue ás vítimas de violencia machista en lugar de de protexelas”.
Presas indicou que “o acoso sexual é un delito e unha forma de violencia machista” recollida na Lei galega, no caso de ir para diante esta operación de acoso e derribo da muller que denunciou a Baltar, ao seu xuízo, estarase incorrendo nun “erro gravísimo” que senta un precedente de desamparo e inseguridade para todas as mulleres que nalgún momento sexan agredidas e tomen a decisión de denuncialo.
A deputada do BNG afirma que este feito demostra que en Ourense "non hai separación de poderes” e a actuación do Fiscal xefe lanza unha mensaxe a todas as mulleres: “ O baltarismo e o machismo son intocábeis” e por iso o fiscal, Florentino Delgado, debe ser apartado inmediatamente do seu cargo, recalcou.