O BNG pide responsabilidade ao PSdG para garantir gobernos municipais alternativos ao PP

Ana Pontón  manifesta que fronte  actuacións irresponsables do PSdG, o BNG estará á altura para ser freo de contención da dereita

Tras a reunión do Consello Nacional do BNG para analizar o escenario político de pactos nos gobernos municipais, a portavoz nacionalista, Ana Pontón pediu “responsabilidade ao PSdG para garantir gobernos alternativas ao Partido popular, en todos aqueles concellos en que sexa posible”.

Para a portavoz nacionalista,  casos como Barreiros, Fene ou Viana do Bolo, nos que  xa houbo contactos entre o PP e PSOE, xeran “incertidume e son un acto de irresponsabilidade por parte do PSdG”, e traslada  unha mensaxe “moi decepciónante”  ao electorado progresista que quere e votou por gobernos alternativos á dereita.

Pontón asegurou que  o  26M deixou unha mensaxe clara, “os galegos e galegas apostaron por darlle máis peso ao nacionalismo nos gobernos municipais, e imos ser fieis a ese mandato cidadá”.

O BNG é un proxecto “xenuíno, non homologábel a ningunha das outras forzas políticas, que actúa de maneira soberana e sen subordinacións”. No BNG,  cremos no diálogo  e  diálogo, explicou a portavoz nacionalista , pode desembocar en gobernos de coalición, en apoios á investidura, en apoios puntuais ou en facer oposición. “Todas as fórmulas son válidas e en todas nos sentimos cómodas”.

Pontón afirmou que o  BNG vai garantir o seu compromiso para evitar gobernos da dereita, pero ten que existir reciprocidade e altura de miras por parte doutras forzas políticas e  “non podo ocultar a nosa preocupación polo que está a pasar nalgúns concellos como Barreiros ou Fene, onde estamos vendo movementos moi estraños polo que  agardamos que o PSOE apoie á candidata e candidato do BNG, onde somos a forza de referencia e non  agasalle esas alcaldías ao PP. “Estou convencida que os veciños e veciñas non llo perdoarían nunca”, recalcou.

“Fronte a estas actuacións irresponsables do PSdG, desde o BNG imos estar á altura e ser freo de contención da dereita en todos os casos en que sexa posíbel”. 

Pontón lembrou que a  remontada do BNG viuse nas europeas, onde nos situamos, dixo, como terceira  forza política galega, conseguindo máis que duplicar os votos e polo tanto movendo o taboleiro político cun proceso de crecemento importante que nos permite seguir tendo voz en Europa para defender os intereses de Galiza a través de Ana Miranda.

Pero ese incremento tamén  se produciu nas eleccións municipais, onde tivemos máis votos, e onde cumprimos obxectivos: Volvemos estar en todas as cidades galegas, somos decisivos en cidades como Lugo e Ferrol e lideramos por 6ª vez  Pontevedra, e estamos en  condicións de ter 30 alcaldías en todo o país, que representan a case 300.000 galegos e galegas que terán alcaldes e alcaldesas nacionalistas.

O BNG INCIA A PREPARACIÓN DAS ELECCIÓNS  GALEGAS

Na súa intervención, Ana Pontón anunciou que o BNG xa está traballando no “reto das eleccións galegas de 2020” para conseguir un novo  impulso, que “nos sitúe como referencia e catalizador do cambio real que precisa Galiza”. Neste sentido, avanzou que o BNG xa prepara un encontro  nacional de política municipal nos primeiro días de xullo para trazar as liñas de actuación neste ámbito e “unha grande mobilización social  o 25 de xullo” con todas as persoas que defendemos “outra Galiza posible”. O 25 de xullo, dixo, ten que ser o primeiro gran acto político que poña en marcha “un cambio” en clave  de país nas galegas do 2020.

“É o momento de darlle un novo impulso ao BNG, para poñer fin a esta década nefasta de Feijóo e abrir un novo tempo da man do BNG. De poñer en marcha un cambio que poña por diante os intereses de Galiza e deixe atrás tanta incompetencia política, e subordinación a Madrid”.

LEMBRANZA A ANXELA FRANCO

A portavoz nacional do BNG, no seu nome e de toda a familia nacionalista lembrou con “afecto” á Anxela Franco, compañeira do Consello Nacional que nos deixou o pasado domingo. Unha muller, “loitadora, irrepetible, xenerosa” que sempre demostrou o seu compromiso con Galiza e o BNG e que sempre estará na nosa memoria e no noso corazón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG