BNG pide regular os servizos deportivos para garantir que son prestados por profesionais coa cualificación necesaria

Iago Suárez
Iago Suárez
Iago Suárez propón crear un rexistro oficial de profesionais e unha regulación que determine as funcións e a preparación precisas para cada actividade

O deputado do BNG Iago Suárez reclamou na Comisión 1ª do Parlamento a regulación, nesta lexislatura, dos aspectos esenciais da prestación de servizos deportivos en Galiza, para determinar cales son eses servizos, que funcións son propias de cada un e que cualificación é necesaria para a súa adecuada prestación. Trátase, explicou, de garantir que os servizos deportivos sexan prestados por profesionais coa cualificación necesaria.

Iago Suárez defendeu unha proposición non de lei para acadar este obxectivo, iniciativa na que tamén propón a creación dun rexistro oficial de axentes que prestan servizos deportivos de Galiza, así como a promoción e o fomento da práctica do deporte asegurando que cada actividade é prestada por profesionais necesariamente cualificados.

“O Goberno galego debe promover o deporte, pero todo o deporte, non só o deporte de competición e é innegable que hai persoas recibindo servizos deportivos por parte de xente sen a cualificación necesaria”, asegurou o deputado nacionalista, quen afirmou que “ a calquera lle resultaría estraño que unha persoa exercese a avogacía sen ser avogado”.

Destacou, ademais, que Galiza é un dos poucos territorios do Estado no que non existe a regulación que hoxe reclamou o Bloque e que responde ás reclamacións do propio sector. De feito, precisou, tan só Galiza e Baleares -que xa está redactando o correspondente decreto- carecen na actualidade de dita regulación. “Tamén neste ámbito estamos á cola do Estado”, dixo.  

O deputado nacionalista recoñece na súa iniciativa os infrutuosos intentos por parte do Estado de establecer unha ordenación na materia, mais reclamou ao PP que non descargue a súa responsabilidade noutras administracións  pois é a Xunta quen ten todas as competencias en promoción do deporte. “A práctica do deporte merece seriedade por parte do Goberno galego”, advertiu, criticando ademais que a Xunta deixe en mans dos concellos velar polo cumprimento da Lei do Deporte de Galiza, que “esixe a presencia, asistencia e intervención nas instalacións deportivas de técnicos titulados”.  

Na defensa da iniciativa, que non saíu adiante polo voto en contra do PP, o portavoz de Deporte do BNG subliñou que o fomento da actividade física trae consigo, sen dúbida ningunha, unha serie de beneficios para as persoas e un impacto social positivo. Incidiu, sen embargo, que a actividade deportiva debe estar axeitadamente organizada, ensinada e dotada de recursos, “xa que tamén pode constituír unha importante ameaza para a saúde e a seguridade das persoas se é executada de forma irregular baixo a dirección ou supervisión de persoas sen a cualificación necesaria”.

Iago Suárez acusou á Xunta de “facer que fai” no que ten que ver coa actividade deportiva e criticou os resultados de accións como o Plan Galicia Saudable, aprobado no 2011, o Plan Obesidade ou Adestra a túa Saúde, todos eles sen apenas incidencia. “Son coma un reloxo sen agullas, inútiles tanto se funcionan como se están parados”, dixo. 




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG